Amosando publicacións coa etiqueta VARIOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VARIOS. Amosar todas as publicacións

"ALBERT CAMUS, CEN ANOS (1913-1960). UNHA LECCIÓN DE REBELDÍA"

Albert Camus chegou á miña vida cedo a través de dúas das súas novelas: O estranxeiro e A peste, seguramente unha das millores cousas que me ocorreron na Universidade. Obras, as anteriores,  que con A caída conforman a triloxía na que amosa a doble dimensión absurda e rebelde da existencia, e do mesmo modo que Kierkegaard, Nietzche, Dostoievski e Kafka, Camus coloca aos seus protagonistas en circunstancias extremas. De maior lin O primeiro home e desexei que os meus alumnos se emocionaran coma min. Este primeiro home que se fai a si mesmo na adversidade é o xermolo de todos os futuros homes aos que el dará voz. A. Camus escribe tamén teatro porque o xénero permítelle ser solidário: Calígula. E escribe ensaio porque é suficientemente lúcido e honrado para atreverse a chamar ás cousas pólo seu nome e defender  a súa opinión: O home rebelde.

                               
Pero moito antes, alá pola nenez, eu xa tivera coñecemento do entorno mais íntimo do escritor e xa me estremecera por causa das feridas que unha guerra colonial nel producira: Alxeria. Cando tivo lugar a guerra pola independencia nos anos sesenta, eu regresara á aldea, esta vez a unha aldea con mar ao lonxe e cociña grande e luminosa con unha radio, que me afastaba dos labirintos do patio e das pantasmas daquela casa tamén grande. Naquel verán do alborecer dos  sesenta, con meu pai, do que aprendera a ler no xornal e a viaxar polos mapas, escoitaba baixiño, logo de xantar, as novas da guerra franco-alxeriana. A esas horas da canícula pasaban avións, e meu pai dicía: “É o exército francés que vai para Alxeria”. Entón eu tirábame ao chan para me protexer. Miña nai, mentres, aprendia a andar en bicicleta no almacén, para ser autónoma, parapetada tras os sacos de tercerilla.
              
Máis tarde, levoume ao Magreb o cine: Casa Blanca, A batalla de Alxer,  O estranxeiro, Un  verán na Goulette, CarameloDe deusese homes... Polo medio, estiveron as viaxes: Marrocos, polo sur do Mediterráneo –quixera que fora Alxeria pero complicouse, logo no amor eramos dous e soñamos con Túnez, pero a última hora alguén desviou o destino; Paris e moitos recunchos de Francia, polo norte do Mare Nostrum.
Camus humilde, vitalista, absurdo, filósofo, comprometido, dramaturgo, rebelde, xornalista, novelista, ensaísta, alxeriano e francés, namorado da liberdade sempre estaba ali. E xa quixera eu ser coma o seu mestre do instituto de Alxer, Germain Louis, e telo a el de alumno, pois cando recibiu o premio Nobel no ano 1957 Albert Camus escribiulle unha carta que dicía así: 
“ Recibín un honor demasiado grande, que non busquei nen pedín. Pero cando souben a noticia, pensei primeiro na miña nai e despois en vostede. Sen vostede, sen a man afectuosa que tendeu ao neno pobre que era eu, sen as súas ensinanzas e o seu exemplo, non tería sucedido nada de todo isto.”                         
Mais alá de Camus, lecturas  como as de Simone de Beauvoir –que espertou nunha praia de Túnez cun árabe sentado na tripa- e Fatema Mernissi mostráronme  outros misterios e outras riquezas, para min descoñecidas, da vida no Magreb. Maruja Torres ilustroume  desde as súas columnas do xornal o Líbano incombustíble, aquel que ainda arrecende a cedros na memória de xove.   Un día, desde os xornais analizamos na aula a brutal guerra civil alxeriana dos anos oitenta e noventa que veu despois da descolonización. Camus viviu os seus últimos anos en estado de desasosego permanente pola violencia dos paramilitares franceses e do terrorismo alxeriano, aos que condenaba e apuntaba como causa desta segunda guerra que el xa non vería. 
Tras a súa morte William Faulkner di del:    “Camus dixo que a única función verdadeira do home, nacido nun mundo absurdo, é vivir, ser consciente da vida dun, da súa revolta, da súa condición libre. Dixo que se a única solución ao dilema humano é a morte, entonces estamos no camiño equivocado. A pista correcta é a que leva á vida, á luz do sol. Un non pode sufrir incesantemente polo frio.”
 

Jean-PaulSartre, compañeiro de viaxe e moitas veces contrincante, en canto tivo noticia da súa morte dixo: “Este home en marcha poñíanos entre interrogacións, el mesmo era unha interrogación que buscaba a súa resposta: vivia no medio dunha longa vida; para nós, para el, para os homes que fan que a orde reine como para os que o rexeitaron, era importante que Camus saíra do silencio, que decidise, que concluira. Raramente os caracteres dunha obra e as conviccións do momento histórico esixiron con tanta claridade que un escritor viva.”
Para os meus grandes amores que están hoxe de aniversario
Rb.

A VENDA DE GALICIA


Unha vez máis, e aínda que non sexa de "Cantares Gallegos", este ano teremos que berrar con Rosalía.
Como a esperanza é o último que se perde, agardamos non ter que tomar "a xustiza pola man"
Xuíces valentes hainos, e demostrano cada día.
-Unha pregunta: ¿quedaránnos curtiñas para morar cando se vaían co botín acadado despois de desventrar e envelenar  a terra?


"A xustiza pola man" - Rosalia de Castro

Aqués que tén fama de honrados na vila,
Roubáronme tanta brancura que eu tiña;
Botáronme estrume nas galas dun día,
A roupa decote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron, en donde eu vivira;
Sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
Ó raso cas lebres dormín nas campías;
Meus fillos..., ¡meus anxos!..., que tanto eu quería,
¡Morreron, morreron, ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronme a vida,
Fixéronme un leito de toxos e silvas;
I en tanto, os raposos de sangre maldita
Tranquilos nun leito de rosas dormían.
-Salvademe ¡ou, xueces!, berrei..., ¡tolería!
De min se mofaron, vendeume a xusticia.
- Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
Tan alto que estaba, bon Dios non me oíra.
Estonces cal loba doente ou ferida,
Dun salto con rabia pillei a fouciña,
Rondei paseniño...¡Ne-as herbas sentía!
I a lúa escondiase, y a fera dormía
Cos seus compañeiros en cama mullida.
Mireinos con calma, i as mans estendidas,
Dun golpe, ¡dun soio!, deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
Tranquila, esperando pola alba do día.
I estonces... estonces, cumpreuse a xustiza:
Eu, neles; i as leises, na man que os ferira.
(Do libro Follas Novas de Rosalía de Castro)


MATRIARCAS

O día 12 de marzo co pretexto de reivindicar o papel que desenvolveu e desenvolve a muller no mundo e na sociedade galega, honráronnos coa súa visita Montse Fajardo, autora do libro "Matriarcas", e dúas desas mulleres formidables : Waldina e Maruja, dúas de tantas que tan dignamente nos representan e que fan que nos sintamos orgullosas de formar parte do xénero feminino. ¡MOITAS GRAZAS!




Miniatura

PREMIO ARIEL MELLORES BLOGUEIROS MOZOS 2012

Con motivo da celebración do 70 aniversario a editorial Ariel concedeu o pasado 19 de setembro un premio que aposta pola reflexión crítica e os novos soportes tecnolóxicos.


Os sete gañadores foron: Álvaro Arbonés (The Sky Was Pink); Ferran Caballero (Ferrancab); Roberto Enríquez (Bob Pop Ve TV); César Losada (Pero,¿tú a esto le llamas arte? - renomeado recentemente: La industria del placer ); Rebeca Pardo (En la retaguardia); Alberto Santamaría (Cuaderno Crítico) e Pablo Simón (La Kancillería).


Aínda que todos son interesantes, de especial utilidade nos parece o blog de Rebeca Pardo: En la Retaguardia pola información que nos ofrece; resaltamos entre outros aspectos a información de carácter legal no referente ás imaxes que baixamos  ou subimos a rede, información  que nos ofrece no apartado IMAGEN Y TEMAS LEGALES.

"El caso del libro desaparecido"



Interesante vídeo, que recrea a historia da busca dun libro nunha biblioteca escolar, para a formación dos nosos usuarios.

ABRAHAM CARREIRO

O mércores día 11, o ilustrador Abraham Carreiro explicoulles aos rapaces e rapazas de 4º de ESO como facer un cómic e despois púxoos a traballar.


UNIDADE DIDÁCTICA DO DEPARTAMENTO DE XEOGRAFÍA E HISTORIA

A profesora Mercedes Mora do Seminario de Xeografía e Historia, levou a cabo unha experiencia pedagóxica moi interesante en 4º da ESO. Consistiu en apoiar a explicación do tema de Ciencias Sociais relativo á 1ª Guerra Mundial con distintos materiais didácticos:
§ Visionado do documental “ A 1ª Guerra Mundial” para que o alumnado recoñecera aos protagonistas do conflito, aos bandos enfrontados, as estratexias empregadas, as fases da Guerra, as consecuencias...
§ Proxección da película: “Senderos de Gloria” e realización do guión de traballo que se inclúe no tema do libro sobre a mesma.
§ Fotocopias dunha selección de fragmentos da novela “ La caída de los gigantes” de Ken Follet. Resumimos o contido das fotocopias:
a. Un nobre inglés xustifica a guerra.
b. Plan Shlieffen: a guerra levaba nove anos en xérmolo; a paz armada e a carreira armamentística.
c. Zimmerman: Alemaña proponlle a México.....
d. Relacionado cos gastos da guerra.
e. Tratado de Versalles: un alemán conta a súa versión.
Os resultados obtidos foron moi satisfactorios o que anima a realizar máis experiencias deste tipo.
Parabéns.

VIAXE A PARÍS 2012




Para que saibades onde atoparnos esta semana que imos estar fóra, deixámosvos aquí o resumo da nosa viaxe.


O UNICORNIO DE PORCELANA



UNHA MARABILLA DE SENSIBILIDADE

O director inglés Sir Ridley Scott promoveu un concurso de curtas a nivel mundial co título ¡“Dígao á súa maneira!”.

Este concurso estaba dirixido ás persoas que desexaran ser directores de cine. Nel participaron máis de 600 cineastas!!!

As condicións para participar foron:

§ A curta presentada non debía sobrepasar os tres minutos

§ O texto non debía ter máis de seis liñas.

§ O tema tiña que ser atractivo.

O director Keegan Wilcox foi o gañador coa curta titulada :

“ PORCELAIN UNICORN “ ( “O Unicornio de porcelana”).

O TEMA: Dúas persoas ás que todo separa pero que están moi cerca unha da outra.

¡ Non deixedes de ver a curta !

DENDE A BIBLIOTECA ÁS AULAS: CINE NO IES DE VILALONGA

Durante o primeiro trimeste, unha boa parte do profesorado divulgou o cine, o cine, entre os alumnos e alumnas do centro, ofrecéndolles a posibilidade de abordar o estudo da súa materia dende a perspectiva da sétima arte; unha boa maneira de aprender gozando.

Velaí tedes unha selección de películas proxectadas :





APRENDER A ESTUDAR

Pinchade neste enlace, ademais de divertido pode servos útil:


ELECCIÓNS 2011

VOTO EN BANCO, VOTO AL BANCO!




O futuro é voso, non dos colonizadores nin dos altos estafadores financieiros, non o esquezades, sodes xoves. Entrade noutros espazos

“Por todas partes vemos una rebelión de los públicos y las audiencias, una toma de palabra masiva, una apertura de lo posible, la propuesta de otros temas de discusión y otros modos de hacer. Un nuevo poder social. Se queman distancias que fundaban jerarquías y muchos pueden lo que antes era el monopolio de unos pocos.”



Amador Fernández-Savater, no seu blog. (filósofo, xove, e moitas cousas máis)






BIBLIOTECA IES DE VILALONGA

Ola a tod@s:
Como podedes ver, acabamos de cambiar o aspecto do noso blog, esperamos que sexa do voso agrado.
A Biblioteca tamén vai mudando o seu aspecto de ano en ano, intentando adaptarse aos tempos e procurando dar cobixo a tod@s.
A presentación que vos ofrecemos resume un pouco o que somos e ata onde fomos...Este curso 2011-2012 esperamos continuar colaborando cos diferentes departamentos do IES de Vilalonga e ser un lugar de encontro e divulgación do saber.

A nosa biblioteca xa está en marcha.


A nosa biblioteca dá a benvida a todos os recén chegados á nosa comunidade escolar e invítaos a visitala e participar nas súas actividades.

Estamos xa iniciando as actividades do noso Club de lectura A PRAIA DAS PALABRAS. Este ano con importantes novidades: novos grupos (dous grupos de ESO e un grupo de ADULTOS), novos xéneros (álbum ilustrado, cómic, teatro, poesía) e novos idiomas (francés e portugués).

Achégate e apúntate.

"A santa paciencia dos mestres"

A santa paciencia dos mestres de Galicia
MANUEL RIVAS 01/07/2011 EL PAÍS



Estamos de paso nunha casa de comidas dunha vila galega. É a hora de xantar. Hai un televisor ao fondo, moderno, de plasma, o que lle dá á sala de comedor un xeito de cinema comentado. Todo transcorre nunha atmosfera de tranquilidade, aínda que as máis das noticias sexan inquietantes e indixestas. Mais xa estamos afeitos a esgazar as dúas funcións, de tal xeito que podemos compatibilizar o pracer no padal co abraio mental. Nas diferentes mesas, os clientes comen en silencio ou falan do seu. De súpeto, todo cambia. A noticia en televisión dunha protesta do profesorado galego contra o incremento de horario lectivo, as imaxes dunha manifestación multitudinaria dos mestres, provoca os comentarios en voz alta e alporizados de varios comensais.

O que está a pasar en Galicia é algo insólito: encirrar a poboación contra os mestres
-Non queren traballar, eses langráns!

-Aínda han de pedir máis vacacións!

-A eses púñaos eu a cavar gabias!

A maioría, hai que dicilo, cala. Seguramente pensan outra cousa, mais calan. Seguramente é a actitude máis intelixente, pois os outros están no transo de bourear, de exercer o poder decibélico. Así que nese intre o discurso dominante na sala era o da reprobación e condena dos mestres. Non só iso. O desprezo cara á xente que traballa no ensino. Non un desprezo calquera, senón un desprezo rancoroso, emitido polo son que produce a maquinaria do odio. Ademais de atragoárseme os berberechos, penso que hai días en que seria mellor saír da casa cuns algodóns encerados nos oídos.

Os manifestantes levan a figura cómica dun cabezudo. Ten certa semellanza co conselleiro de Educación. Esa imaxe, tamén na distancia, desdramatiza o ambiente. É o que ten a sátira. Que actúa de catarse. O certo é que as voces feroches amansaron, e entón oíuse unha que pairou livián na cargada atmosfera.

-Teñen o seu mérito, que terman dos rapaces!

Ao que seguiu outra un pouco máis punzante, retranqueira.

-Cando non dos pais, que son peores!

A min gustaríame engadir algo:

-Termar terman de todo!

Pero calei. Por covardía. Polos berberechos atragoados.

O meu proceso mental foi o contrario ao dos cabreados cos mestres, que logo foron recuando. Eu anoxeime despois. Cando xa pasara a regueifa e morrera o conto. Teño esa rareza. Que me alporizo cando estou só. Adoita pasarme o que os franceses chaman l'esprit de l'escalier [o espírito da escaleira]. Que me lembro máis tarde, a deshora, do que debería ter dito. E entón falo só. Polemizo comigo. Vou á procura do espírito da escaleira. Escribo un artigo coma este. A dúas voces. A da perplexidade e a carraxe.

Fun criado no respecto ao mestre. Se cadra coñecín mestres, persoas concretas, que non merecían ese respecto, mais toda a humanidade que me arrodeaba, meus pais, meus veciños, todos me transmitiron o respecto á muller ou home que daban escola. Non era un respecto dócil. O respecto é diferente do servilismo, da docilidade. En realidade, o que a min me transmitían era o respecto poño coñecemento, pola aprendizaxe, pola curiosidade de pescudar no descoñecido, de avanzar contra a ignorancia. Era un respecto que atravesaba os tempos, as xeracións. No fondo, unha herdanza republicana. Porque o pobo sempre intuíu que o coñecemento, e o libre pensar, era a verdadeira conquista do pan.

O que está a pasar hoxe en Galicia é algo insólito. Un despropósito que supera o impensábel nunha democracia. Nin remontándose ao país imaxinario de Sopa de ganso, o filme dos irmáns Marx, encontraríamos algo semellante relativo á educación. O de encirrar a poboación contra os mestres. Contra o profesorado. O dar pábulo e amplificar falsidades, dando a entender que os ensinantes son unha especie de estamento privilexiado, nugalláns que non dan un pau a auga, ou tratándoos como unha xunta de bois preguiceiros aos que cómpre aguilloar con medidas penitenciais.

Pero, que absurdo é este dunha Administración que en lugar de afortalar o ensino, o espazo basilar do futuro, o que fornece é o descrédito dos ensinantes?

Os ensinantes viron recortados os seus soldos. Uns salarios que xa son moi inferiores aos da media europea. Os centros de ensino público en Galicia veñen sufrindo unha continua poda orzamentaria, de tal maneira que grande parte das moitas actividades extras que se desenvolven son por mor do voluntarismo e o esforzo non retribuído do persoal da ensinanza. As bibliotecas escolares deberían ser o corazón dos centros. Pois ben. Coñezo bibliotecas e clubs de lectura moi activos que só existen grazas aos mestres que os fan posíbeis cun traballo nunca contabilizado.

Falando de contar horas, o bo mestre, que son os máis, traballa todo o día. Cando non a noite. Quen coñeza ese mester de ensinar sabe da entrega que require en horas de formación, de preparación de clases, de corrección de traballos e probas, de atención persoal a estudantes con problemas. O incremento de horario lectivo que está a provocar as protestas no ensino foi unha medida de corte disciplinario, unilateral. Fora cal fose a intención, os responsábeis semellan ignorar que os recortes salariais non poden ir agravados por un clima impositivo, arbitrario, sen pontes de diálogo e negociación. A auctoritas é algo que os demais conceden polo valor de quen a merece. Non se impón co cimbrar da vara de mando.

O espazo do ensino é o espazo do diálogo. Da palabra. Do pensamento. O berce da liberdade. Mais construír ese espazo esixe sutileza, grandes depósitos de esperanza e unhas condicións de confianza básica. É un traballo delicadísimo. De primeira liña de risco. E de enorme paciencia. O bo mestre ten de ser, dalgún xeito, da madeira de Kevin, aquel santo irlandés que estando en Glendalough, un lugar montañoso do condado de Wicklow, estricou os seus brazos para erguer unha pregaria ao Ceo, e entón apareceu un merlo e pousou nel. Nun dos brazos. E ao merlo aquela póla pareceulle boa e chamou pola merla e decidiron construír alí o niño. Puxeron os ovos, medraron as crías, e un día botaron a voar. E só entón, só nese intre, san Kevin baixou o brazo.

Os gobernantes pasan. Hainos que deixan semente. E hainos que deixan un ronsel de fume. Dos peores fumes, o fume que procede da síndrome de burn-out. Dos ensinantes queimados.