"ALBERT CAMUS, CEN ANOS (1913-1960). UNHA LECCIÓN DE REBELDÍA"

Albert Camus chegou á miña vida cedo a través de dúas das súas novelas: O estranxeiro e A peste, seguramente unha das millores cousas que me ocorreron na Universidade. Obras, as anteriores,  que con A caída conforman a triloxía na que amosa a doble dimensión absurda e rebelde da existencia, e do mesmo modo que Kierkegaard, Nietzche, Dostoievski e Kafka, Camus coloca aos seus protagonistas en circunstancias extremas. De maior lin O primeiro home e desexei que os meus alumnos se emocionaran coma min. Este primeiro home que se fai a si mesmo na adversidade é o xermolo de todos os futuros homes aos que el dará voz. A. Camus escribe tamén teatro porque o xénero permítelle ser solidário: Calígula. E escribe ensaio porque é suficientemente lúcido e honrado para atreverse a chamar ás cousas pólo seu nome e defender  a súa opinión: O home rebelde.

                               
Pero moito antes, alá pola nenez, eu xa tivera coñecemento do entorno mais íntimo do escritor e xa me estremecera por causa das feridas que unha guerra colonial nel producira: Alxeria. Cando tivo lugar a guerra pola independencia nos anos sesenta, eu regresara á aldea, esta vez a unha aldea con mar ao lonxe e cociña grande e luminosa con unha radio, que me afastaba dos labirintos do patio e das pantasmas daquela casa tamén grande. Naquel verán do alborecer dos  sesenta, con meu pai, do que aprendera a ler no xornal e a viaxar polos mapas, escoitaba baixiño, logo de xantar, as novas da guerra franco-alxeriana. A esas horas da canícula pasaban avións, e meu pai dicía: “É o exército francés que vai para Alxeria”. Entón eu tirábame ao chan para me protexer. Miña nai, mentres, aprendia a andar en bicicleta no almacén, para ser autónoma, parapetada tras os sacos de tercerilla.
              
Máis tarde, levoume ao Magreb o cine: Casa Blanca, A batalla de Alxer,  O estranxeiro, Un  verán na Goulette, CarameloDe deusese homes... Polo medio, estiveron as viaxes: Marrocos, polo sur do Mediterráneo –quixera que fora Alxeria pero complicouse, logo no amor eramos dous e soñamos con Túnez, pero a última hora alguén desviou o destino; Paris e moitos recunchos de Francia, polo norte do Mare Nostrum.
Camus humilde, vitalista, absurdo, filósofo, comprometido, dramaturgo, rebelde, xornalista, novelista, ensaísta, alxeriano e francés, namorado da liberdade sempre estaba ali. E xa quixera eu ser coma o seu mestre do instituto de Alxer, Germain Louis, e telo a el de alumno, pois cando recibiu o premio Nobel no ano 1957 Albert Camus escribiulle unha carta que dicía así: 
“ Recibín un honor demasiado grande, que non busquei nen pedín. Pero cando souben a noticia, pensei primeiro na miña nai e despois en vostede. Sen vostede, sen a man afectuosa que tendeu ao neno pobre que era eu, sen as súas ensinanzas e o seu exemplo, non tería sucedido nada de todo isto.”                         
Mais alá de Camus, lecturas  como as de Simone de Beauvoir –que espertou nunha praia de Túnez cun árabe sentado na tripa- e Fatema Mernissi mostráronme  outros misterios e outras riquezas, para min descoñecidas, da vida no Magreb. Maruja Torres ilustroume  desde as súas columnas do xornal o Líbano incombustíble, aquel que ainda arrecende a cedros na memória de xove.   Un día, desde os xornais analizamos na aula a brutal guerra civil alxeriana dos anos oitenta e noventa que veu despois da descolonización. Camus viviu os seus últimos anos en estado de desasosego permanente pola violencia dos paramilitares franceses e do terrorismo alxeriano, aos que condenaba e apuntaba como causa desta segunda guerra que el xa non vería. 
Tras a súa morte William Faulkner di del:    “Camus dixo que a única función verdadeira do home, nacido nun mundo absurdo, é vivir, ser consciente da vida dun, da súa revolta, da súa condición libre. Dixo que se a única solución ao dilema humano é a morte, entonces estamos no camiño equivocado. A pista correcta é a que leva á vida, á luz do sol. Un non pode sufrir incesantemente polo frio.”
 

Jean-PaulSartre, compañeiro de viaxe e moitas veces contrincante, en canto tivo noticia da súa morte dixo: “Este home en marcha poñíanos entre interrogacións, el mesmo era unha interrogación que buscaba a súa resposta: vivia no medio dunha longa vida; para nós, para el, para os homes que fan que a orde reine como para os que o rexeitaron, era importante que Camus saíra do silencio, que decidise, que concluira. Raramente os caracteres dunha obra e as conviccións do momento histórico esixiron con tanta claridade que un escritor viva.”
Para os meus grandes amores que están hoxe de aniversario
Rb.

Ningún comentario:

Publicar un comentario