DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ


Celebramos, o 30 de xaneiro, o Día da Paz: colocando un gran mural nun dos corchos da Biblioteca, coa axuda do profesor de plástica Eduardo Bahamonde e tres alumnas de 2º de bacharelato.
 O 30 de xaneiro celébrase este día, dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz. A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro.




"Non hai camiño para a paz: a paz é o camiño". - Mahatma Ghandi -



VIAXE DIDÁCTICA A NÁPOLES


Napoli sotterranea
O alumnado da materia de Historia da Arte viaxou a Nápoles (Italia) do día 15 ao 20 de xaneiro, xunto cos profesores Mercedes Mora Calvo, José Dopazo Blanco e Mª Teresa Fidalgo Villaverde.

Os obxectivos da saída eran:
  1. Vivir a experiencia de viaxar ao estranxeiro utilizando distintos medios de transporte.
  2. Coñecer outros lugares, outros pobos e sentirse parte dun mundo global.
  3. Visitar os distintos monumentos, museos e curiosidades da rexión da Campania.
  4. Poder ver e analizar obras de arte fronte a elas, apreciándoas na realidade.
  5. Valorar o patrimonio artístico da zona visitada e en xeral, pois forma parte do noso pasado.
A parte de vivir experiencias diferentes por estar fóra da casa e do centro educativo, visitamos numerosos lugares:
  • Templos gregos e Museo de Paestum.
  • Pompeya.
  • Museo Arqueolóxico de Nápoles.
  • Palacio Real de Capodimonte.
  • Nápoles subterránea.
  • Catedral e Praza do Gesú Nuovo.
  • Porto, Praza do Plebiscito, Castell`Ovo.
  • Cartuja de Sant´Elmo.


COMEMOS DE MARABILLA E PASÁMOLO MOI BEN !!!!!






Día da Ilustración 2018


Resultado de imagen de images camilo díaz baliño




Mañá conmemórase o  Día da Ilustración. E este ano  está dedicado ó pintor, escenógrafo e pioneiro do deseño galego CAMILO DÍAZ BALIÑO, insigne membro das Irmandades da Fala e pai de Isaac Díaz Pardo.

GUÍAS DE OUTONO 2017

Aquí vos deixamos as guías de outono(2017) da Biblioteca.
Esperamos que vos sirvan.

"Un libro é a arma máis efectiva contra a intolerancia e a ignorancia".-Lyndon Baines Johnson.


               CÓMIC


      CINE

AMOR E PODER
VIVENCIAS
FICCIÓN              





TRABALLAMOS o uso da lingua galega NO XORNAL














Durante o primeiro trimestre traballamos o uso da lingua galega nun  xornal  xeneralista para evidenciar a falta de emprego da nosa lingua en calquera tipo de noticia. E moito máis se se trata dunha nova de maior importancia. Daquela non aparece en novas de actualidade, e só nalgunhas de temática cultural e, en poucas ocasión, nas de deporte local. 

No tocante á publicidade  atopamos o uso de galego na publicidade institucional e moi, escasamente, na outra. Este traballo de campo está moi relacionado coa noticia que sae hoxe mesmo, cuxo titular é: "A lingua galega, por detrás do inglés e do castelán para directivos de empresas do país"

No humor contamos con seccións fixas en lingua galega como as de Xaquín Marín que nos aledan a vida.

Co resultado deste traballo realizamos unha exposición no taboleiro do EDLG do noso corredor.


Neste segundo trimestre traballaremos as noticias que teñen que ver coa muller en xeral, e con todo tipo de prexuízos que lle poidan afectar.

CONCURSO YOUTUBEIR@S




   Este é un concurso interesante para tod@s aqueles alumnos e alumnas que fixestes vídeos para materia de lingua galega en 2º de bacharelato.



   Xa está en marcha a segunda edición do concurso Youtubeir@s, que organizan os SNL dos concellos da Baña, Ames, Carballo, O Grove, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, a Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Coruña e os servizos de normalización lingüística das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Os premios Youtubeir@s teñen como obxectivo incentivar a creación e difusión de vídeos de opinión e videotitoriais en galego, así como a súa promoción e visibilización a través da rede e o recoñecemento daqueles de maior enxeño e creatividade, calidade técnica, eficiencia comunicativa e calidade lingüística.

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos que queiran transmitir algún coñecemento e/ou opinar sobre algún tema de interese a través de vídeos autoproducidos subidos a YouTube de xeito independente ou nunha canle.

Os vídeos individuais e/ou canles de YouTube presentadas a Youtubeir@s teñen que estar integramente en galego. Os vídeos participantes teñen que estar publicados con data posterior ao 28 de abril de 2017, ter unha duración máxima de 5 minutos e licenza Creative Commons. Así mesmo, levarán os cancelos #youtubeiras #youtubeiros.



Quédanvos aquí vídeos sobre edición de vídeos para axudarvos nestas tarefas.

EXPOSICIÓN DE EDUCACIÓN FÍSICA



O alumnado de 1º de bacharelato elaborou unha esposición de AGROSPORT baixo a dirección do Departamento de Educación Física . Está exposta no corredor do edificio 1 para todo o alumnado. Os seus obxectivos son:
  1. Mostrar unha actividade física colaborativa non competitiva.
  2. Ensinar como se fan construcións   co corpo humano.
  3. Traballar a forza e a coordinación do grupo, o equilibrio para que a construción se manteña en pe.
  4. Desenvolver o contacto físico entre o alumnado de maneira diferente a habitual.
  5. Desfrutar dunha actividade lúdica, divertida.
Os profesores do departamento dirixiron esta actividade ao alumnado de 1º de bacharelato no primeiro trimestre porque precisa certa madurez para as axudas, pois conleva pequenos riscos que hai que solventar.



Benvidos a un 2018 sen prexuízos lingüísticos!


   Un ano máis a Universidade de Vigo realiza un calendario ex profeso para tratrar o tema dos prexuízos lingüísticos que sofre a lingua galega.
   O ano pasado foi o ilustrador Luis Davila o seu autor, este ano é Kiko da Silva.
.

   Nesta ligazón podes descargar un exemplar do teu calendario. Pero o máis importante que podes facer é converterte nun activista que rexeite, día a día, cada un dos diferentes prexuízos lingüísticos que afectan á nosa lingua para tentar acabar con eles dunha vez por todas.

FESTIVAL FIN DE TRIMESTRE



O xoves 21 de decembro tivo lugar no Instituto un festival para celebrar a chegada das vacacións de Nadal. Tivemos panxoliñas co profesor de música Xoán Andrés Ventoso e os seu alumnado. Cancións actuais coa Master Discoteca móbil, que animaron o ambiente e bailaron con nós, e por último un campionato de fútbol organizado polo alumnado de automoción. Pasámolo ben, divertímonos xuntos e soltamos o estrés acumulado durante o trimestre. 


SAÍDA DIDÁCTICA A VIGO



O día 12 de decembro o alumnado de 3º de ESO desprazouse ó Museo do Mar (Vigo) para realizar unha visita guiada pola exposición  Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”.
 Foi moi interesante mergullarse na Idade Media contemplando obxectos tan varios como relicarios, os zapatos dun bispo do século XIII ou réplicas en madeira de instrumentos musicais feitas a partir das esculturas do Pórtico da Gloria da catedral de Santiago.
 Sorprendéronnos diversas prácticas médicas da época (anestesia por martelo ou sangrías con samesugas, por exemplo) e coñecemos detalles sobre o labor dos amanuenses como os recursos dos que se servían para a obtención de cores coas que decorar os textos...
 

Un pracer e un privilexio poder situarse entre unha xoia de relevancia universal como é o Pergamiño Vindel e a Paisaxe coas Illas Cíes de Urbano Lugrís.