Charla de Rafael Rodríguez sobre os restos arqueolóxicos da Lanzada

 
O xoves día 2 de febreiro o arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Rodríguez deu unha conferencia no IES Vilalonga sobre as escavacións que se levaron a cabo na Lanzada dende o 31 de xullo de 2016 ata o 4 de febreiro de 2017 dirixida ao alumnado de Bacharelato.



A súa exposición dividiuse en tres partes, a primeira consistiu na proxección dun documental sobre ditas escavacións, na segunda expúxonos os traballos levados a cabo e as posibles explicacións ás que chegaron, pois aínda non ten todos os resultados das análises e achados realizados. Por último, abriu unha quenda de preguntas na que o alumnado puido aclarar algunhas cuestións que lles interesaron especialmente.


Deixámosvos aquí parte do artigo publicado en pontevedraviva.com

“Un equipo formado por máis de 20 especialistas en arqueoloxía traballan no xacemento da praia da Lanzada.
O obxectivo desta actuación, que forma parte dun protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia, é a recuperación patrimonial de todo este ámbito, no que se deixou de traballar hai anos, ampliar a zona de visitas e escavar a área romana para aclarar as cronoloxías.
O arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, destacou a relevancia do xacemento da Lanzada, "ocupado desde o século VIII a.C. ata o século X d.C. e no que se sitúa a primeira factoría de salgados do noroeste".
A Lanzada, segundo os técnicos, é un xacemento moi interesante para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular e a importancia das relacións comerciais que desde alí se establecían, que situaban ao asentamento nos circuítos comerciais daquel momento.”


Artigo redactado por Teresa Fidalgo

Ningún comentario:

Publicar un comentario