Con motivo da viaxe a París do alumnado de 2º de bacharelato C, fixemos unha exposición de fotografía. Quixemos mostrar a comunidade escolar a riqueza e variedade e obras de arte que puidemos ver na capital francesa.
Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS b>. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS b>. Amosar todas as publicacións
SOLEDAD FELLOZA CONTOU CON NÓS
Este luns, día 18, o alumnado de 2º de bacharelato gozou coas historias de Soledad Felloza, eses Contos do mundo. Contos e historias de mulleres engaiolaron o noso alumnado e deixáronos un pouquiño máis preto do coñecemento dunha realidade diversa, no só na condición do xénero, senón tamén no cultural, posto que a orixe uruguaia de Soledad serve para achegarnos as experiencias de vida noutros países, tan próximos e á vez tan lonxe de nós.
Tan bo sabor de boca deixaron as súas historias que un grupo de alumnas e alumnos estiveron unha hora máis charlando con ela, unha vez acabada a actividade. Non podemos máis que agradecer que compartise connosco as súas historias e que contase con nós.
CONTACONTOS: SOLEDAD FELLOZA
Entramos na recta final antes das vacacións e para quedarnos cun bo sabor de oído, hoxe temos co alumnado de 2º bacharelato a SOLEDAD FELLOZA. Unha actriz e fotógrafa de orixe uruguaia e galega de adopción, que compartirá connosco o seu espectáculo de contacontos:
O COMEZO DO MUNDO
Contos e historias de mulleres.
Entrevista a Manuel Manquiña
O alumnado de 1º de bacharelato artellou unha entrevista a Manuel Manquiña para realizarlle unha serie de preguntas sobre a súa traxectoria profesional o día 16 de maio, data na que nos visitou con motivo da súa participación no programa levado a cabo desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria EducaMOTIVAcon, para fomentar o espírito crítico, a creatividade e a cultura do esforzo, entre outros valores.
A quenda de preguntas iniciounas o grupo de 1ºA, comezaron preguntando sobre o seu nome artístico e contestoulles que Manquiña é unha praia viguesa, que el frecuentaba de pequeno, e que lle traia boas lembranzas, mentres que o seu nome de pía lle lembraba malos resultados escolares. Continuaron coa idade na que comezou a orientarse cara á interpretación, el lembrou que entre os 15 ou 16 anos, cre que influído polos "Festivales de España" que se interpretaban en Castrelos cando era pequeno, nos que desfrutaba dunha grande variedade de xéneros: teatro, ballet, zarzuela, etc. Lembra que a súa primeira interpretación escolar foi co poema: "O pirata" de Espronceda. Máis tarde, a primeira vez que se puxo diante dunha cámara coa película Tacón, dirixida por Xavier Villaverde e baseada nun poema de Borges, pero xa antes perocorreran España cunha das primeira compañías de teatro profesional de Galicia, Troula. Como primeira experiencia televisiva citou o programa dirixido na TVG por Chichi Campos "A ver que vai ser isto"
O personaxe de Pazos en Airbag de Juanma Bajo Ulloa, non foi dos que lle resultou máis difícil de interpretar, se non máis ben todo o contrario, posto que tiña que facer de galego, o único que lle preocupaba era non caer na ridiculización do acento, algo moi común naquela época con parodias do noso acento como a representada por Beatriz Carvajal. Como personaxe máis incómodo ou ocasión na que un proxecto profesional fose catastrófico, citou unha obra titulada El señor Galíndez, que foi un absoluto fracaso debido, entre outras cousas, a que na compañía tiveran un accidente de coche a actriz Dorotea Bárcena e outro actor e ó contratar novos intérpretes a obra non estaba preparada para a súa estrea, de aí que el simulou un desmaio en directo no medio da representación.
Manuel quixo deixar moi claro que el, igual que o seu personaxe de "Airbag" sempre foi: "profesional, moi profesional" e sempre ía ós seus ensaios co texto ben aprendido. Entre os personaxes dos que está máis orgulloso está a súa interpretación na obra teatral "Días sen gloria" de Roberto Vidal Bolaño, que contrariamente ó seu rexistro cómico máis visibilizado é un personaxe dramático.
Non faltaron preguntas sobre a súa colaboración co grupo musical Siniestro Total. Etapa da que dixo gardar moi bo recordo. E por último, sobre o seu labor como entrevistador no programa O gato con botas da TVG, neste labor salientou que o entrevistado que máis o impresionou foi Ángel Carracedo, e que de aí veu o xermolo para estar a dar estas charlas para o público escolar.
Manuel Manquiña ensínanos interpretación.

Dentro do programa EduMOTIVAcon o pasado 16 de maio estivo co alumnado de 3º de ESO o actor, Manuel Manquiña, realizando un pequeno obradroiro de interpretación. Aínda que na proposta inicial tentamos traballar o monólogo humorístico, o medo escénico da maioría do alumnado fixo que este se convertese en pequenas pezas dramatizadas por parellas e tríos.
Enriba das táboas do noso salón de actos estiveron en primeiro lugar Antía Martínez e Lara de 3ºA, que escenificaron unha peza titulada “As nosas relacións coas máquinas”, onde se ironizaba sobre as chamadas telefónicas nas que tratamos con máquinas ou operadores estranxeiros.
En segundo lugar, Marcos Muñiz, Aitor e Isaac de 3ºB levaron á escena “As crónicas da Arnosa” e “A nosa clase”, pezas que trataban a singularidade do seu vecindario e da súa clase en particular.
En terceiro lugar, Pedro e Vicente de 3ºA escenificaron "As relacións dos adolescentes cos seus móbiles". E por último Mateo, Jonathan e Alejandro de 3ºA fixeron un pequeno teatriño sobre os “Estereotipos de profes” e Noa, Antía Miniño e Ainhoa de 3ºA sobre os “Estereotipos de galegos”.
Ó remate das súas intervencións Manuel Manquiña aplaudiu nalgúns casos e corrixiu noutros: ben a proxección da voz, ben a dicción, ben a expresión corporal ou a posta en escena do noso alumnado.
Tamén lles falou da distribución de roles no canto de interpretar dúos enriba do escenario: o listo e o parvo, o simpático e o serio, o alto e o baixo.
O fomento da cultura do esforzo e da creatividade quedaron patentes nesta actividade como obxectivos cumpridos dentro dos que se pretendían traballar en EducaMOTIVAcon.
O fomento da cultura do esforzo e da creatividade quedaron patentes nesta actividade como obxectivos cumpridos dentro dos que se pretendían traballar en EducaMOTIVAcon.
Marchamos á universidade!
O Departamento de Orientación organizou unha charla para os alumnos de 2º de bacharelato, o profesor catedrático de matemáticas, Luís Hervella Torrón coordinador do programa "A ponte entre o Ensino Medio e a USC" deu unha conferencia o pasado día 5 de maio.
O profesor Hervella foi moi entretido e deu unha información ampla e detallada do futuro inmediato deste alumnado, que valorou positivamente a súa visita.
Manuel Núñez Singala cos seus "CAMIÑOS NA AUGA"
Manuel Núñez Singala compartiu unha charla connosco sobre a súa novela "Camiños na auga", que son os camiños que percorre o seu protagonista Szymo para fuxir de África e procurar unha nova vida en Europa, nun lugar onde espera que a súa diferenza non sexa tal, dado que el é un africano albino.
Máis fotos desta actividade nesta ligazón.
A charla estivo presentada polo noso compañeiro de EDLG e compañeiro seu durante os anos de escola en Vilalba, Eduardo P. Baamonde e nela sinalou por unha banda, o seu labor profesional no Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e por outra, a súa traxectoria como escritor. Algo que Manuel Núñez Singala matizou que facía evidentemente porque lle gustaba e dado que non era do que tiña que vivir tamén tiña máis liberdade para crear sobre aqueles temas que a el lle interesaban.
Con esta novela de iniciación ou aprendizaxe comentoulle ó noso alumnado que tamén pretendía que se mentalizasen do camiño que eles ían emprender na vida.
Algúns alumnos preguntaron sobre a posibilidade de seguir a contar a historia de Szymo, xa en España. Ó que respondeu que non tiña ningún sentido para el seguir con esta narración, á parte de que non era partidario das segundas partes nas historias.
Neste documental podemos acheganos ás duras imaxes desta diferenza
Neste documental podemos acheganos ás duras imaxes desta diferenza
Teatralización de "Cousas" de Castelao
CHARLA de MANUEL PORTAS sobre "Lourenço, xograr"
O pasado xoves contamos coa presenza de Manuel Portas no noso centro. Esta vez, tocaba falar da súa última obra, Lourenço, xograr, unha ambiciosa novela histórica ambientada no medievo coa que soña todo profesor de literatura galega para trasladar ó alumnado á época do xograr Lourenço. E alí atopármonos co trobador Joam García de Guilhade, María Peres, a Balteira e Afonso X, entre outros, convertidos en voces narrativas dunha historia que ficciona parte da noso pasado medieval e nos achega ós tempos da Idade Media galega na que a lírica trobadoresca conquistaba toda a península.
Se queres ver máis fotos desta actividade, pincha nesta ligazón
Magosto e xogos populares no IES de Vilalonga
O Equipo directivo do IES de Vilalonga organizou un Magosto no que non só houbo castañas senon tamén xogos tradicionais cos que o alumnado da ESO disfrutou durante dúas horas. Contou coa axuda do Departamento de Educación Física quen colaborou activamente na colocación e supervisión dos xogos. O noso agradecemento ao Concello de O Grove que prestou desinteresadamente esta magnífica colección de xogos tradicionais.
Josiño da Teixeira ensínanos a facer REGUEIFAS
O venres 18 de marzo o regueifeiro, JOSIÑO DA TEIXEIRA, impartiu un obradoiro de regueifas para o alumnado de 2º de ESO que fixo que dunha maneira lúdica estes rapaces aprendesen a improvisar as súas propias regueifas Aquí vos quedan os vídeos coas súas creacións .
Manuel Lourenzo González tróuxonos a súa "Flor de area"

Asisitiron tamén alumnos e alumnas de 4º de ESO que leran Irmán do vento.

No primeiro libro é Khaled quen nos conta a súa historia, nesta novela na que se continúa a historia de amor é a perspectiva femenina da súa amada, Amrah, a que nos introduce nuns acontecementos ambientados na posguerra de Iraq.
O escritor explicounos como procurou certa similitude estrutural de ámbas as dúas novelas coas interseccións de anacos doutras historias de arrecendo oriental que se van encaixando polo medio a modo de boneca rusa. As dúas novelas teñen o mesmo número de capítulos, pero a segunda é moito máis longa e complexa na trama que a primeira.
Na quenda de preguntas o interese do noso alumnado xirou en torno a cales foron os motivos que o inspiraron para crear esta novela. A oposición popular a calquera guerra e, en concreto, á guerra de Iraq moveu o autor a enfrontarse e indagar neste conflito e no mundo árabe en xeral. As anécdotas que adornaron a súa disertación sobre as posibilidades de narrar con verosimilitude estes feitos fixeron que ficcionase a tribo á que pertence a nosa protagonista, os koblai, sobre todo porque nesta novela tiña que desenvolver unha psicoloxía femenina que fose crible no mundo árabe. MULLERES A TRAVÉS DO CINE
Todas elas interesantes e algunhas mesmo lindas e moi lindas
The Bostonians (As bostonianas); Reino Unido,1984;
James Ivory
As primeiras sufraxistas bostonianas son burguesas ilustradas que loitan por conseguir a emancipación das mulleres
Lilliann Hellman, futura escritora norteamericana, entabla amizade con Julia, estudante escocesa, pouco antes de que para Europa corran outros malos tempos, o ascenso do nazismo
Linda película!
Libertarias(Libertarias); España,1996; Vicente Aranda
Un grupo de milicianas anarquistas libra a súa propia batalla contra a sublevación militar de 1936
Thelma & Louise (Thelma e Luísa); EE UU, 1991; Ridley Scott
Thelma e Louise deciden tomarse un fin de semana para romper coa rutina das súas viadas. Este seu intento de vivir en liberdade resulta case un drama
Fermosa e moi interesante!
Suffragette (Sufraxistas); Reino Unido, 2015; Sarah Gavron
O movemento sufraxista naceu en Inglaterra pouco antes da Gran Guerra (1914-1918). Eran mulleres que sairon da clase obreira, do proletariado, e que se radicalizan cando ven que as súas pacíficas protestas non servían para nada. Nesta súa loita son incansables e mesmo deciden exporse a perdelo todo. A protagonista loita denodadamente pola dignidade das mulleres
Unha moi linda película actual!
Santiago Lopo, o outro lado do espello.
Onte, 16 de febreiro, charlou co alumnado de 2º de ESO o escritor de "Game over", Santiago Lopo. O autor conseguiu que moitos deles pasasen ó outro lado do espello a través desta novela que gañou no seu día o Premio de Novela por Entregas da Voz de Galicia. Esta obra, aínda que inicialmente non está pensada para o público adolescente, engacha a moitos alumnos que non son moi fáciles de atraer ó outro lado deste espello que é a ficción, como ben apunta Santiago na dedicatoria deste libro.
Graciñas pola túa visita.
Grupos de clase que celebran o Entroido con Castelao

Este é só un adianto das fotos que se publicarán con motivo da celebración do Entroido este ano no IES de Vilalonga. Como vedes a participación na ESO foi case absoluta e até os profesores se achegaron disfrazados con motivos relativos ás súas materias.
Por iso tivemos a visita de escritores como Valle Inclán e Castelao, personaxes literarios como Sancho Panza e a Celestina. Investigadoras como Madame Curie e até nos visitou Frank de la Jungla.
En breve, achegaremos as fotos de todos os participantes e premiados no noso Entroido escolar.
Crónica da visita á Audiencia Provincial de Pontevedra.
O pasado 12 de xaneiro o alumnado de Ética e Filosofía do dereito de 2º de bacharelato asistiu a un xuízo na Audiencia Provincial de Pontevedra. Xulgábase a un home que estaba acusado de homicidio nun axuste de contas por droga. A súa avogada demostrou que fora en defensa propia.
Aínda que xa o tiñamos traballado en clase moitas cousas nos sorprenderon no xuízo: a distribución da sala, co acusado tan preto de nós; o fácil que é mostrar as constradicións dunha testemuña, etc. En fin, ata a propia indumentaria dos maxistrados (a toga, as súas puntillas que levan nos puños que, sabedes como se chaman? Puñetas.)
Cando a visita rematou fixémoslles preguntas espontanemente. A última foi ó avogado defensor, ó que lle preguntamos se non lle preocupaba ás veces defender a un culpable. Sabedes que nos contestou? Que todo o mundo ten dereito a ser defendido, e que el prefire que tres culpables estean na rúa, a que un inocente estea no cárcere. E vós que pensades?
Alumnado de 2º de bacharelato de Ética e Filosofía do Dereito.
Quédavos aquí unha escolma da cobertura mediática sobre o caso realizada pola lingüísta da Audiencia Provincial de Pontevedra, Anxos Sobriño.
Novas de despois do primeiro día de vista
La Voz de Galicia (12/01/2016):
Televisión de Galicia (12/01/2016):
Faro de Vigo (12/01/2016):
Pontevedra Viva (12/01/2016):
Diario de Pontevedra (12/01/16):
Faro de Vigo (13/01/16):
Atlántico Diario (13/01/2016):
Despois do segundo día de vista
Televisión de Galicia (14/01/2016):
Pontevedra Viva (14/01/2016):
Diario de Pontevedra (14/01/2016):
Faro de Vigo (15/02/2016):
Titorización Entre Iguais
A finais do curso pasado o Departamento de Orientación realizou unha enquisa ao alumnado, para valorar o estado da convivencia entre iguais no I.E.S de Vilalonga. Como resultado da información obtida a partir desta enquisa, puxemos en marcha un plan para mellorar a convivencia e previr o acoso escolar. Para empezar contactamos, inicialmente, cos institutos máis próximos a Vilalonga e invitámolos a unirse a nós nun itinerario de convivencia tutelado polo Centro de Formación de Profesorado de Pontevedra, dentro dos PFPP (Plans de Formación Permanente de Profesorado). Sumáronse a este proxecto o I.E.S de Bizocas (O Grove) e o I.E.S. Portonovo (Baltar).
Deste xeito comeza a singladura no IES de vilalonga do Programa TEI (Titoriación entre Iguais) cunha primeira fase de formación que estamos a levar a cabo no primeiro trimestre do curso. Na segunda fase que terá lugar a partir de xaneiro, empezará a aplicarse o programa no seo da comunidade educativa. Logo desta experiencia debutante, contamos desenvolvelo durante o próximo curso 2016-2017 e seguintes.
A formación do curso de titorización entre iguais realizase mediante un cursiño e un seminario.
O día 14 de outubro veu impartir a primeira sesión do curso de titorización entre iguais, Andrés González Bellido, psicólogo, orientador do Instituto Front Maritim de Barcelona, experto en acoso escolar e ideólogo do programa.
O programa TEI é un proxecto pioneiro de mellora de convivencia e en contra do acoso escolar que se está implantando en centros de moitas comunidades autónomas.
A súa dinámica fai que o alumnado de 3º de ESO se convirta en titor/a, mediador/a e valedor/a do alumnado de 1º de ESO.
Cada alumno/a de 1º ten en 3º un compañeiro/a a quen contarlle as súas dificultades e os seus problemas e este/a pasa a ser o/a guía que o/a axuda e anima comprometéndose voluntariamente a asumir esta responsabilidade ao mesmo tempo que fomenta unha dinámica de colaboración e de respecto mutuo permanecendo atento aos comportamentos negativos nas relacións entre compañeiros e intentando evitalos. O obxectivo é acadar unha mellora global nas relacións e no nivel de asunción de responsabilidades dos/as alumnos/as.
Andrés González Bellido verbalizou o acoso escolar, falounos sobre a raiz do problema e de como os propios rapaces e rapazas por medio dun cambio na dinámica do grupo, son os máis indicados para evitar, sendo eles e elas mesmos/as mediadores/as, os problemas de relación que poidan xurdir durante a convivencia escolar, creando un ambiente de respecto e colaboración.
O profesorado participante elaboraremos a partir do esquema xeral do programa TEI, unha programación para aplicar no I.E.S de Vilalonga a partir de xaneiro de 2015, e durante os vindeiros cursos.
A súa posta en marcha parecenos que aporta unha estratexia alentadora para mellorar a calidade de vida do alumnado e profesorado no I.E.S de Vilalonga. A nosa intención é levalo a cabo implicando a toda a comunidade educativa. Desexamos que dea bos froitos e teña continuidade neste instituto.
Non deixes de ver os vídeos seguintes, son moi necesarios e ilustrativos.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)

















