Manuel Lourenzo González tróuxonos a súa "Flor de area"




O pasado xoves 17 de marzo contamos coa visita de Manuel Lourenzo González para charlar co alumnado de 1º de bacharelato sobre o seu libro Flor de area.  

Asisitiron tamén alumnos e alumnas de 4º de ESO que leran  Irmán do vento. 
 
No primeiro libro é Khaled quen nos conta a súa historia, nesta novela na que se continúa a historia de amor é a perspectiva femenina da súa amada, Amrah, a que nos introduce  nuns acontecementos ambientados na posguerra de Iraq.


O escritor explicounos  como procurou certa similitude estrutural de ámbas as dúas novelas coas interseccións de anacos doutras historias de arrecendo oriental que se van encaixando polo medio a modo de boneca rusa. As dúas novelas teñen o mesmo número de capítulos, pero a segunda é moito máis longa e complexa na trama que a primeira.

Na quenda de preguntas o interese do noso alumnado xirou en torno a cales foron os motivos que o inspiraron para crear esta novela. A oposición popular a calquera guerra e, en concreto, á guerra de Iraq moveu o autor a  enfrontarse e indagar neste conflito e no mundo árabe en xeral. As anécdotas que adornaron a súa disertación sobre as posibilidades de narrar con verosimilitude estes feitos fixeron que ficcionase a tribo á que pertence a nosa protagonista, os koblai, sobre todo porque nesta novela tiña que desenvolver unha psicoloxía femenina que fose crible no mundo árabe. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario