Amosando publicacións coa etiqueta conferencias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conferencias. Amosar todas as publicacións

Emprendemento no rural.

 

CO EMPRENDEMENTO NO RURAL GAÑAMOS TODOS! .

O alumnado de FP BÁSICA, CM e CS de Administrativo do IES de Vilalonga participaron na charla Dá o paso, emprende no rural! co obxectivo de motivar á xuventude a ser emprendedores e demostrar que un futuro no rural é posible.

Marchamos á universidade!

  

 O día 10 de decembro contamos coa visita dun membro do programa A Ponte que impartiu unha conferencia ao alumnado de 2º de bacharelato e 2º ciclo superior de administrativo.

Desde o Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, como o seu nome indica, queren facer de ponte entre o estudantado de Ensino Medio e a USC, para informar e orientar ao futuro estudante universitario, para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

O Programa leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o curso 2003-2004 e pretende dar a coñecer a oferta académica e o contexto investigador, social, cultural e espacial da Universidade en que se desenvolven eses estudos.

O fío condutor é a difusión do que é a Universidade de Santiago de Compostela: as súas titulacións, a investigación, os servizos académicos, pero tamén o que é a contorna en que se desenvolve a actividade universitaria: servizos de residencia, culturais, deportivos, asociativos, etc. En fin, o que é a vida nunha universidade inserida en pleno corazón de dúas cidades históricas (Lugo e Santiago de Compostela).

Organizaron esta actividade a Subdirectora do Centro: Lidia Fernández Pastoriza xunto co Departamento de orientación: Sara Gómez  Camiña.

Conferencia de ciberseguridade

 A profesora Silvia Castro organizou para 2º de Fp básica de servicios administrativos unha conferencia de Afundación da Obra Social Abanca que ofrece unha serie de conferencias de contido educativo sobre emocións, acoso escolar, ciberseguridade, etc. A profesora contactou con eles para poder asistir online a de ciberseguridade, cuestión tan de moda na actualidade polo seu elevado risco.

O enxeneiro de telecomunicacións Bernardo Viqueira explicoulles que o mundo do haking é a súa paixón, ten reportado fallos de seguridade a grandes multinacionais, colaborado con organismos gubernamentais e participado en programas de radio e televisión. A súa experiencia sérvelle para detectar e denunciar gran cantidade de perigos existentes nas redes, así como o mal uso que facemos delas.


 

Conferencia de matemáticas

 




O xoves 6 de maio tivemos a honra de contar coa visita do matemático e científico Iván Area Carracedo, profesor titular do departamento de matemáticas na Universidade de Vigo. Explicoulles ao alumnado de 1º de bacharelato como se constrúen e como son os modelos matemáticos que permiten predecir a evolución da pandemia do Covid19, así como a colaboración do seu equipo de traballo cos distintos organismos automómidos e estatais.

GRAZAS PROFESOR!


Foro de Innovación Tecnolóxica na FP de Automoción

O Departamento de Automoción do IES de Vilalonga organizou o VIII Foro de Automoción, este ano tivo como tema a innovación tecnolóxica. Estivo dedicado a "Electromovilidade e híbridos de última xeración". Houbo ponencias e modelos para mostrar as últimas tendencia neste campo. Asistiron unhas 250 persoas entre profesorado deste ciclo e profesionais relacionados co mesmo. Incluíu un apartado para proxectos de innovación onde profesores de toda Galicia expuxeron os seus proxectos, aquí deuse cabida ao proxecto dun veciño de Sanxenxo que presentou o primeiro kart acuático do mundo. Ademais celebráronse exposicións sobre vehículos innova, libros técnicos e ferramentas
Foi un éxito, esperamos poder seguir gozando deste foro moitos anos máis!

 

 







Conferencia sobre a Lei do Menor.


O Programa.Katorce18 quere achegar a Lei do menor, reguladora da responsabilidade penal das persoas menores de idade, a institutos e colexios de toda Galicia para informar, previr e facelos conscientes das consecuencias dos seus actos. 
Charlas divulgativas para o alumnado de 2º e 4º da ESO, cun claro obxectivo  preventivo das condutas infractoras máis salientables nos adolescentes, facendo especial fincapé no acoso escolar, as redes sociales, o maltrato familiar, etc. e en todos aqueles temas e situacións que viven de preto os adolescentes, explicando as consecuencias legales e a responsabilidade dos menores nestas.

Esta é unha iniciativa da Fundación Barrié e da Asociación Arela.

Gracias por contar con nós.


AS NOSAS LECTURAS con ROSALÍA FERNÁNDEZ RIAL


Bailemos as rúas
ata desaparecer
no ventre sonoro da noite,
onde exércitos de lucecús
acenden con cóxegas as estrelas.
                                              RFR


Esta tarde os clubs de lectura de 1º de Bacharelato do IES de Vilalonga gozaron da conversa con Rosalía Fernández Rial despois de teren lido, e hoxe disfrutado un pouco máis, o seu Bonus Track



Non foron só letras sobre papel, foi navegar SOS, o mar, o vento e mais nós; foi a música da Banda da Loba, de Narf, de Patti Smith... Foi a lectura máis alá de rapazas e rapaces que se espían falando, a ruptura e o pulso á conxugación das artes.

E cando a música repouse, entrará a literatura a bailar.

Grazas a Rosalía e noraboa á rapazada dos clubs de lectura!

CONFERENCIA DA GARDA CIVIL



Os días 15,16 e 17 de xaneiro recibimos a visita de dous membros da Garda Civil de Sanxenxo. O tema da súa conferencia foi a violencia de xénero e o acoso escolar. Informaron sobre a lexislación  existente  e os pasos a seguir para tratar de solucionar ditos problemas, por desgracia, bastante frecuentes na actualidade.


A valoración do alumnado sobre a mesma foi positiva.

Santiago Lopo presenta A arte de trobrar



O pasado xoves, 17 de xaneiro, o salón de actos do noso centro acolleu unha charla de Santiago Lopo sobre a súa novela A arte de trobar. A actividade, organizada polo Departamento de Lingua Galega e Literatura e polo EDLG, estaba dirixida ó alumnado do primeiro curso de  bacharelato, que leu na primeira avaliación a novela gañadora do premio Xerais 2017. O escritor,  antes de asinar exemplares, deu resposta ás numerosas e interesantes cuestións dos estudantes.






Loita contra o maltrato de xénero















O martes 9 de outubro celebrouse unha conferencia no IES de Vilalonga sobre o maltrato de xénero: como detectalo, que facer sendo a vítima ou simple espectador do mesmo, etc.
 Este ciclo de conferencias está organizado pola Deputación de Pontevedra, o Concello de Sanxenxo e o CIM (Centro de Información as Mulleres). 
En primeiro lugar déuselle unha charla ao alumnado de 4º da ESO, despois proxectaron curtos feitos por alumnado de outros centros educativos nos cursos pasados, que a continuación se comentában e se reflexionaba sobre o seu contido.

Os conferenciantes propuxeron ao alumnado asistente participar nun concurso de guións titulado"Curtas contra as violencias de xénero"convocado polo concello de Sanxenxo  para empregar o cine como ferramenta de sensibilización e concienciación para a prevención da violencia de xénero(según as súas propias palabras). O concurso vai dirixido ao alumnado de 2º, 3º e 4º da ESO.
Bases do concurso:
- O obxectivo e elaborar un guión  que teña como mensaxe a prevención da violencia de xénero.
- Os traballos deben promover valores ligados á prevención deste tipo de violencia.
- Pódese participar individualmente ou por grupos (máx. 3 persoas).
- O guión estruturarase nun máximo de seis esceas.
- Deberá levar obrigatoriamente: un título, unha sinopse e unha mensaxe didáctica final.
- Todos os traballos serán orixinais.
-Criterios de valoración:contidos e promoción de valores, mensaxe didáctica e orixinalidade.
-No guión deben figurar: nome e apelidos do autor/es, curso, Centro educativo.

O prazo de presentación remata o 5 de novembro de 2018


CONFERENCIA 2º DE BACHARELATO


O xoves 15 de marzo tivemos a sorte de contar coa historiadora e profesora de Historia da Arte  do IES Asorey de Cambados, Maribel Iglesias Baldonedo. A charla titulábase: "Ramón Cabanillas e Francisco Asorey, vidas paralelas". Presentounos unha visión global da época en que estes autores viviron, facendo referencia ao Modernismo como movemento artístico-cultural dese momento (1º terzo do século XX). Despois centrouse na obra de ambos autores: poesía e escultura.

Os obxectivos eran:

- Destacar  dúas figuras importantes da cultura galega e da contorna.

- Relacionalas entre si e coa súa época.

- Tratar de reflectir a través da súa obra a mentalidade de principios de século en Galicia.

- Valorar o noso patrimonio literario e artístico.



Para aqueles membros da comunidade escolar que queiran achegarse á figura de Ramón Cabanillas, recomendamos, aproveitando a ocasión, o libro de Maribel Iglesias, xa que tivo a ben visitarnos.  A súa é unha obra especialmente interesante grazas ás imaxes coas que percorre a vida e a obra do noso poeta cambadés.



OS PERIGOS EN INTERNET


 O día 15 de marzo de 2018 tivo lugar no IES deVilalonga unha conferencia organizada polo Departamento de Orientación, nela a Garda Civil espuxo os riscos aos que nos enfrontamos, sen darnos conta, cando usamos internet. O alumnado asistente foi  primeiro de Fp básica de Administrativo e de Mecánica,quenes manifestaron, tras a mesma, que lles resultou interesante e instructiva. Os obxectivos eran:
  1. Dar a coñecer os riscos en internet.
  2. Concienciar ao alumnado da necesidade de protección das súas actividades en internet.
  3. Intertar explicar que todo o que colguen ou publiquen queda exposto a todo o mundo se non se toman precaucións.
  4. Dar a coñecer a abundante delincuencia que circula polas redes a espera de posibles vítimas.
  5. Previr das posibles consecuencias dun uso inadecuado das mesmas. 

CONFERENCIA SOBRE OS DEREITOS HUMANOS


O  martes 20 de febreiro de 2018 tivemos o privilexio de acoller no noso Centro ao profesor e político colombiano Gustavo Pedraza. A súa conferencia titulada: "Impunidade e guerra en tempos de paz" resultounos extremadamente interesante en diferentes aspectos. Primeiro contounos que está refuxiado en España por medio de Amnistía Internacional, ONG que nos serviu de mediadora para a súa visita; a causa do asasinato do seu irmán Carlos Pedraza (maestro e político de esquerdas) e a posterior reclamación de explicacións por parte da súa familia.
Falounos de como os Dereitos Humanos non están sendo respectados en Colombia (onde o Presidente acaba de recibir o Premio Nobel da Paz), como a oposición política é perseguida e encarcelada, como a nivel político, policial e xudicial domina a corrupción, como os medios de comunicación nos manipulan e como son pisoteados os dereitos do pobo en xeral e dos indíxenas en particular.
Realizouse un sondeo entre o alumnado que participou nesta experiencia: 3º ESO A e 2º de bacharelato, e os resultados indícanos que lles resultou interesante e de actualidade, non lles resultou pesada nin larga e suxiren que se fagan máis de este estilo. O seu interese demostrouse, así mesmo, no coloquio que tivo lugar na parte final da actividade no que fixeron numerosas preguntas ao conferenciante.

Charla "A Atlántida, a ciencia do mito"

Emilio Ramón Varela é xornalista e divulgador científico pero, sobre todo, un gran comunicador. 

O xoves 18 de maio foi quen de manter a todo o alumnado de 1º de Bacharelato en absoluto sielncio durante catro horas expoñendo o tema "A Atlántida, a ciencia do mito".
                                                                                                                  

Nesta exposición ,facendo un percorrido pola cultura minoica , propón o seu fin na explosión do volcán da illa Santorini.

Emilio explicou os procesos de erupción volcánica poñendo como exemplo o Vesubio e a destrución de Pompeia e finalmente fixo unha reflexión sobre os avacnces da cultura, da ciencia e da técnica e a nosa capacidade tanto para producir o colapso da nosa civilización como para evitar e corrixir a forma de vida que pode levar a el.


A Atlántida, según comenta Emilio Varela, baseándose nas suxestións de Jacques Cousteau, ubícase na illa de Santorini e a súa civilización corresponde á minoica.

Xoaquín Rodríguez Pomares

Marchamos á universidade!





O Departamento de Orientación organizou unha charla para os alumnos de 2º de bacharelato, o profesor catedrático de matemáticas, Luís Hervella Torrón coordinador do programa "A ponte entre o Ensino Medio e a USC" deu unha conferencia o pasado día 5 de maio.



Algúns dos temas tratados foron a nova selecividade ou Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU), as notas de corte, a matrícula universitaria, as bolsas de axuda, as residencias, os distintos campus da Comunidade Galega e o Plan Bolonia.



O profesor Hervella foi moi entretido e deu unha información ampla e detallada do futuro inmediato deste alumnado, que valorou positivamente a súa visita.