Amosando publicacións coa etiqueta ENCONTRO CON AUTORES. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ENCONTRO CON AUTORES. Amosar todas as publicacións

Santiago Lopo sempre é ben recibido entre o noso alumnado.



Santiago Lopo visitou o noso centro o pasado 22 de febreiro para realizar un relatorio sobre varios dos seus libros con distintos grupos do noso alumnado.



Co alumnado de 2º de bacharelato a charla tratou sobre a súa novela "A diagonal dos tolos", foron moitas e moi interesantes as preguntas que tiñan para esta novela que foi Premio de Narrativa Curta de Repsol, explicoulles como coñeceu a illa da Reunión in situ e algúns detalles da carreira que se describe na obra.

Con 1º de bacharelato charlou sobre "Peaxes" e co alumnado de 1º de ESO sobre "Game over"


Encontro co escritor Miguel Anxo Fernández

Foto de Miguel Anxo Fernández Fernández.
O martes, día 19, o escritor Miguel Anxo Fernández compartiu unha charla co alumnado de 3º e 4º de ESO sobre a súa novela Bícame Frank, protagonizada polo detective Frank Soutelo, que se desenvolve en distintos lugares da na nosa comarca. Explicoulles, entre outras cousas,  como realiza o proceso de construción da historia e como procurou inspiración en distintos personaxes cinematográficos para dar vida e este peculiar detective que xa ten vida propia na nosa historia literaria,  como reflicten os distintos retratos que se teñen feito del por distintos ilustradores galegos.


 



Manuel Núñez Singala cos seus "CAMIÑOS NA AUGA"

Manuel Núñez Singala compartiu unha charla connosco sobre a súa novela "Camiños na auga", que son os camiños que percorre o seu protagonista Szymo para fuxir de África e procurar unha nova vida en Europa, nun lugar onde espera que a súa diferenza non sexa tal, dado que el é un africano albino.


Máis fotos desta actividade nesta ligazón.

A charla estivo presentada polo noso compañeiro de EDLG e compañeiro seu durante os anos de escola en Vilalba, Eduardo P. Baamonde e nela sinalou por unha banda, o seu labor profesional no Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e por outra, a súa traxectoria como escritor. Algo que Manuel Núñez Singala matizou que facía evidentemente porque lle gustaba e dado que non era do que tiña que vivir tamén tiña máis liberdade para crear sobre aqueles temas que a el lle interesaban.

Con esta novela de iniciación ou aprendizaxe comentoulle ó noso alumnado que tamén pretendía que se mentalizasen do camiño que eles ían emprender na vida.

Algúns alumnos preguntaron sobre a posibilidade de seguir a contar a historia de Szymo, xa en España. Ó que respondeu que non tiña ningún sentido para el seguir con esta narración, á parte de que non era partidario das segundas partes nas historias.

Neste  documental podemos acheganos ás duras imaxes desta diferenza

CHARLA de MANUEL PORTAS sobre "Lourenço, xograr"

O pasado xoves contamos coa presenza de Manuel Portas no noso centro. Esta vez, tocaba falar da súa última obra, Lourenço, xograr, unha ambiciosa novela histórica ambientada no medievo coa que soña todo profesor de literatura galega para trasladar ó alumnado á época do xograr Lourenço. E alí atopármonos co trobador Joam García de Guilhade, María Peres, a Balteira e Afonso X, entre outros, convertidos en voces narrativas dunha historia que ficciona parte da noso pasado medieval e nos achega ós tempos da Idade Media galega na que a lírica trobadoresca conquistaba toda a península.







Se queres ver máis fotos desta actividade, pincha nesta ligazón

Manuel Portas e o seu "Lourenço xograr"

Resultado de imaxes para lourenço xograr, manuel portas
Mañá xoves, 15 de decembro, contaremos coa presenza do escritor  MANUEL PORTAS que charlará co alumnado de 1º de bacharelato sobre a súa novela: 
LOURENÇO, XOGRAR


Resultado de imaxes para lourenço xograr, manuel portas


Santiago Lopo visítanos por partida dobre.

A principios deste mes de maio o escritor Santiago Lopo visitou o noso instituto por partida dobre. Na primeira ocasión para departir co alumnado de 1º e 2º de bacharelato sobre a súa obra "Hora zulú".                           E na semana seguinte para encontrarse co alumnado do club de lectura de 2º de ESO e PCPI, que leron as súas obras "Game over" e "Peaxes" Graciñas pola túa visita e parabéns polos teus libros.

VISITOUNOS A ESCRITORA LEDICIA COSTAS


 O pasado 10 de abril contamos coa presenza da escritora Ledicia Costas no noso centro. A autora departiu co alumnado de 1º de ESO sobre o libro "Mortos de Ningures". Explicoulles ós rapaces como se escribe un libro a medias con outro escritor. Neste caso Pere Tobaruela. Trátase dun proceso no que empregan unha escaleta,  na que ambos os dous van escribindo cada unha das partes individualmente, logo de decidir a temática do libro. As longas conversas telefónicas e o grupo de WhatsApp, no que tamén está incluído o ilustrador do libro, Andrés Meixide, axudan a poñerse de acordo neste labor colectivo. 

 A escritora respondeu todo tipo de preguntas. Comentou que ela comezou a escribir moi nova, sendo adolescente e que seus pais pensaron que sería algo pasaxeiro que se lle pasaría coa idade. Tamén lles contou como coñecera a Pere Tobaruela nun encontro de escritores que realizaban o camiño de Santiago en autobús. 

 Sobre o libro os rapaces expresaron a súa preocupación porque a protagonista, a inspectora Nola non tivese un home para sobrelevar o coidado dos seus xemelgos. O alumnado do club de lectura, que leu tamén a segunda aventura desta teimuda investigadora no libro "Ouro Negro",  preguntou sobre o futuro do seu axudante, o gato Lolo, posto que estaban intrigados coa sorte que puidera correr tras o súa caída ó mar tinguido chapapote.

 Ledicia Costas tamén reivindicou  a importancia da novela infantil e xuvenil, e a súa escrita en galego como a única posible, posto que ela é galega. Con respecto a esta cuestión estes libros tamén verán a luz en setembro en castelán e catalán. Finalmente tentamos agradecer a súa presenza a través da lectura dun dos seus poemas levada a cabo pola alumna Lara Moldes de 1º ESO C. Agardamos poder volver a contar coa súa presenza entre nós.

Para os que queiran saber máis sobre esta autora estes días anda a presentar a súa última novela, "Recinto Gris". Aquí vos queda unha entrevista sobre ela.