Amosando publicacións coa etiqueta 1º de ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 1º de ESO. Amosar todas as publicacións

"Leonardo e os fontaneiros"



Dende a Concellería de Educación, Cultura e Xuventude, e con motivo da celebración das Letras Galegas dedicada este ano a escritora Mª Victoria Moreno, ofreceusenos a posibilidade de asistir á representación teatral baseada na súa novela: Leonardo e os fontaneiros. Aceptamos e o martes 8 de maio do 2018 tivemos no centro a Compañía Ubú Teatro, integrada por Ana Carreira e Manu Polo que  divertiron o alumnado de 1º de ESO coas peculiares aventuras destes personaxes creador por María Victoria Moreno.








Santiago Lopo sempre é ben recibido entre o noso alumnado.



Santiago Lopo visitou o noso centro o pasado 22 de febreiro para realizar un relatorio sobre varios dos seus libros con distintos grupos do noso alumnado.



Co alumnado de 2º de bacharelato a charla tratou sobre a súa novela "A diagonal dos tolos", foron moitas e moi interesantes as preguntas que tiñan para esta novela que foi Premio de Narrativa Curta de Repsol, explicoulles como coñeceu a illa da Reunión in situ e algúns detalles da carreira que se describe na obra.

Con 1º de bacharelato charlou sobre "Peaxes" e co alumnado de 1º de ESO sobre "Game over"


"Polo correo do vento" con Maruja Mallo


Os integrantes do colectivo cultural Polo correo do vento estiveron connosco o pasado día 23 co alumnado de 1º de ESO co obxectivo de visibilizar a figura da nosa pintora Maruja Mallo, homenaxeada no Día das Artes 2017.
Libro publicado por Polo correo do vento
A actividade foi coordinada entre o EDLG, a biblioteca escolar e o Departamento de plástica para dar a coñecer a vida e obra desta pintora. De aí que o alumnado de 3º de ESO realizou unha serie de versións dos seus retratos de muller, que xa están expostas nos nosos corredores. E o vindeiro día 6 contaremos con outra charla de Emilio Insua sobre esta insigne pintora vivierense, neste caso para o alumnado de 3º de ESO e 1º de bacharelato.


Exposición de Paisaxes naturais- 1º da ESO




Durante este 2ª trimestre os alumnos de 1º da ESO na materia de xeografía e historia coñeceron as paisaxes naturais do mundo a través da realización de maquetas, da man dos seus profesores Mª Luisa Castaño Fernández e Manuel Arnau Fernández. Os desertos, as selvas, as laurisilvas, os bosques oceánicos, a taiga ….. Viaxaron polo mundo e investigaron todas as características que fan diferente cada recuncho do noso planeta . O resultado do seu traballo está no expositor da entrada. Esperamos que vos guste. 



Exposición do Concurso de adhesivos 2016



A pasada semana contamos no centro coa exposición dos gañadores e seleccionados no XXII Certame Gráfico pola Normalización Lingüística que organizan os EDLG dos centros escolares da comarca do Salnés. Este ano o gañador do noso centro foi JUAN CARLOS PINTOS CAMIÑA de 2º de ESO A.

Foron seleccionados como finalistas: 

NEREA CAMIÑA TOURIÑO e ÉRIKA CACABELOS FERNÁNDEZ na categoría de primeiro ciclo de ESO. 

MARTINA BASDEDIÓS TILVE na categoría de segundo ciclo de ESO. 

INÉS REY SOUTULLO, NEREA TORRES MONTES e LAURA GONZÁLEZ MUÍÑOS na categoría de bacharelato.




A Coordinadora está composta por un total de 13 centros de Ensino Secundario do Salnés, dos cales 12 presentaron traballos ao concurso: IES Miguel Ángel González, IES Castro Alobre, IES Armando Cotarelo, IES Bouza Brey,IES A Basella, IES Faro das Lúas, IES Illa de Arousa, IES RamónCabanillas, IES Francisco Asorey, IES Vilalonga, IES Monte da Vila, IES de Barro e CPI Mosteiro.

Día da ciencia en galego para 1º de ESO

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística organizou esta Xornada da Ciencia en Galego para primaria e 1º de ESO cunha viodeconferencia da nosa profesora Susana Oubiña Falcón.


Saída en busca de restos megalíticos co alumnado de 1º ESO

O Departamento de Xeografía e Historia organizou unha saída para o alumnado de 1º ESO co obxectivo de que viran, cos seus propios ollos, restos da cultura megalítica galega, están a estudar a prehistoria.

Algúns dos lugares visitados:

dolmen de Axeitos (Ribeira, A Coruña), construido entre o 3.600 y 4.000 antes de C. , é unha mostra da arquitectura funeraria megalítica dos primeros asentamentos en Galicia. Trátase  unha tumba colectiva onde se soterraban as persoas máis importantes do lugar con algunhas ofrendas (machadas, coitelos, puntas de flecha, vaixelas de barro…). 


Castro de Baroña: (Porto do Son, A Coruña), situado nunha península, posúe unha gran beleza paixasística . Datado entre o século I a. de c.e o século I despois de C. Tiña unha muralla exterior e conserva 20 vivendas orixinais.

Mirador de Paxareiras: (Carnota, A Coruña), vistas impresionantes da praia máis grande de Galicia e das rías de Corcubión e Fisterra.

Fervenza do río Xallas: (Ézaro, A Coruña), fermoso paraxe natural.

Cabo Fisterra: (Fisterra, A Coruña), os romanos pensaron que este era a fin do mundo coñecido.








Conmemoración do Día das Bibliotecas

Como non podía ser doutra maneira, o luns 26, quixemos celebrar o Día das Bibliotecas e para iso o alumnado de 4º de diversificación elaborou un cartel, baixou ler á biblioteca un grupo de 1º ESO, mentres que os demais o facían nas aulas e regalamos unhas lambetadas a aqueles que colleron prestado un libro porque, como rezaba no cartel, ler "sabe doce".



"Viaxeiros na rúa"

Viaxeiros na rúa. IES VEncina (Ponferrada) from Comisión Cultural M. Sarmiento on Vimeo.

Este é o vídeo gravado polo alumnado do IEs Virxe da Encina de Ponferrada co cal estivemos a nos cartear este curso, onde nos explican a súa experiencia co Programa de galego no ensino  desde diversos puntos de vista ( alumnado, profesorado, pais e nais) para conmemorar os 12 anos de implantación do ensino da nosa lingua na comarca do Bierzo.


Traballamos a figura de X. Mª Díaz Castro

Grupos de alumnado de 1º de ESO procurando información sobre o homenaxeado das Letras Galegas 2014: 

XOSÉ MARÍA
                   DÍAZ CASTRO

TRABALLAMOS O XORNAL NA AULA


O alumnado de 1º de ESO traballa durante todo o ano co xornal na aula grazas ó programa Prensa Escola da Voz de Galicia, deixámosvos aquí unha mostra do seu traballo colgado no taboleiro da aula.

VISITOUNOS A ESCRITORA LEDICIA COSTAS


 O pasado 10 de abril contamos coa presenza da escritora Ledicia Costas no noso centro. A autora departiu co alumnado de 1º de ESO sobre o libro "Mortos de Ningures". Explicoulles ós rapaces como se escribe un libro a medias con outro escritor. Neste caso Pere Tobaruela. Trátase dun proceso no que empregan unha escaleta,  na que ambos os dous van escribindo cada unha das partes individualmente, logo de decidir a temática do libro. As longas conversas telefónicas e o grupo de WhatsApp, no que tamén está incluído o ilustrador do libro, Andrés Meixide, axudan a poñerse de acordo neste labor colectivo. 

 A escritora respondeu todo tipo de preguntas. Comentou que ela comezou a escribir moi nova, sendo adolescente e que seus pais pensaron que sería algo pasaxeiro que se lle pasaría coa idade. Tamén lles contou como coñecera a Pere Tobaruela nun encontro de escritores que realizaban o camiño de Santiago en autobús. 

 Sobre o libro os rapaces expresaron a súa preocupación porque a protagonista, a inspectora Nola non tivese un home para sobrelevar o coidado dos seus xemelgos. O alumnado do club de lectura, que leu tamén a segunda aventura desta teimuda investigadora no libro "Ouro Negro",  preguntou sobre o futuro do seu axudante, o gato Lolo, posto que estaban intrigados coa sorte que puidera correr tras o súa caída ó mar tinguido chapapote.

 Ledicia Costas tamén reivindicou  a importancia da novela infantil e xuvenil, e a súa escrita en galego como a única posible, posto que ela é galega. Con respecto a esta cuestión estes libros tamén verán a luz en setembro en castelán e catalán. Finalmente tentamos agradecer a súa presenza a través da lectura dun dos seus poemas levada a cabo pola alumna Lara Moldes de 1º ESO C. Agardamos poder volver a contar coa súa presenza entre nós.

Para os que queiran saber máis sobre esta autora estes días anda a presentar a súa última novela, "Recinto Gris". Aquí vos queda unha entrevista sobre ela.

Breogán Riveiro charla co alumnado de 1º de ESO


O escritor Breogán Riveiro visitounos o 19 de decembro  para falar co alumnado de 1º de ESO do seu libro Tonecho de Rebordechao. Aproveitou para explicarnos o proceso de construción da novela, que iniciou cando estaba a rodar un documental sobre a figura de Romasanta, o home lobo de Allariz. Deste xeito desvelou a particular historia do Home do Unto que aparece no libro. Así mesmo, Breogán incidiu na importancia de recoller as historias que oralmente se contan nas casas e transcribilas para non perder a nosa tradición de contadores de historias. 

Tonecho de Rebordechao segue a ser unha das lecturas preferidas do noso alumnado. Este neno conecta con eles ó igual que o  fai o Balbino de Neira Vilas.  Achégalles episodios como o namoramento da profesora Sabela, nos que se recoñecen  e lévaos a reflexionar sobre as diferenzas da vida dun rapaz de aldea fronte ó de cidade con moitas doses de humor.

FEIRA DE CIENCIAS 2013



Un ano máis o noso instituto desenvolveu a súa FEIRA DAS CIENCIAS. Organizada polos departamentos de Física e Química e Tecnoloxía, e os seus profesores Nuria, Tomás, Gabriel, Irene e Velay. Participou nela o alumnado de 1º de bacharelato, A e B, 4º de ESO B, 4º de diversificación, 2º e 1º de ESO. O resto do alumnado e profesorado fomos espectadores dos numerosos experimentos e  enxeñosos inventos cos que nos agasallaron. 

Parabéns para todos e cada un dos que  fixeron posible, de novo, esta exitosa actividade.

RECITANDO CELSO EMILIO



Un grupo do noso alumnado de 1º da ESO recitou na biblioteca "Deitado frente ao mar" uníndose así á homenaxe colectiva que onte, 12 do 12 do 2012, se realizou ás 12.00 h, para pechar os actos do aniversario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro. Deste xeito uniuse á convocatoria feita pola Coordinadora Galega de Equipos de Dinamización Lingüística e da nosa propia Coordinadora de ENDL do Salnés.

Recomendacións lectoras d@s expert@s de 1º A

Este ano no instituto tivemos unhas lectoras e uns lectores moi cualificados en 1º A, pois ben, é tanta xa a súa experiencia lectora que nos van deixar as súas impresións sobre os libros que leron durante o curso para que poidades deixarvos aconsellar por elas e eles para as vosas lecturas das vacacións.