Amosando publicacións coa etiqueta 3º da ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 3º da ESO. Amosar todas as publicacións

COMEZAN OS CLUBS DE LECTURA NO IES VILALONGA


Entre esta semana e a que vén comeza a reunirse a rapazada do Club de Lectura do IES de Vilalonga nos seus diferentes grupos.

O alumnado de 1º ESO, xunto coa profesora Inés, vai ler e viaxar pola fantasía con Charlie y la fábrica de chocolate, un clásico de Roald Dalh que engaiola cada ano as xeracións que van chegando ao noso Club.



Os grupos de 3º ESO, que xa comezaron esta semana en dúas quendas dirixidas pola profesora Carme Picallo, están a facer un percorrido pola nosa historia a través das profundas e impactantes mensaxes que Castelao nos deixou nas súas Cousas.





Coa profesora Lidia Fernández comezan tamén dúas quendas de 1º BACH, quen os tentará guiar por unha banda, nunha viaxe ao pasado co escenario de fondo da II Guerra Mundial e pasaxes ás veces difíciles de dixerir pero que son unha lección necesaria de realidade para a sociedade actual, neste caso da man de Ledicia Costas e Un animal chamado néboa. Na banda oposta, o segundo grupo tentaremos que poida sentir e danzar ao ritmo das historias e melodías que nos ofrece Rosalía Fernández Rial no seu Bonus Track.



Tamén coa
profesora Lidia, comeza este luns o grupo de 2º ESO, desta vez da man de Iria Misa e a súa novela Mamá, quero ser Ziggy Stardust, que promete ser unha lectura desas que deixan pegada.



Agora só nos queda comezar, ir incorporando os outros grupos, deixarvos as impresións das nosas lectoras e lectores e facervos, na medida do posible, partícipes das súas viaxes particulares.

Emilio Ínsua veu contarnos a Maruja Mallo


Aínda que semelle difícil falar dunha figura tan emblemática como a nosa pintora Maruja Mallo, o noso colega Emilio Ínsua sabe como ninguén transmitir a vida e obra desta figura tan potente e tan descoñecida, sobre a cal ten un ensaio titulado: Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal. Materiais para unha biografía exacta e completa da pintora viveirense entre 1902 e 1936, co cal gañou en colaboración con Carlos Nuevo Cal o XXIII Premio Literario Ánxel Fole no 2009

A nosa pintora vangardista está na nómina das mulleres invisibilizadas e o que noutro país é case unha operación de mercadotecnia internacional, como acontece con Frida Kahlo, no noso queda na marxe das explicacións da Xeración do 27, ou na sombra dalgúns dos  seus representantes máis ilustres como Rafael Albertí ou Miguel Hernández, como se non fose ela quen os asombrase.

O relatorio estivo presentado polo profesor e pintor, Eduardo P. Baamonde, que traballou co alumnado de 3º de ESO a etapa dos seus retratos de mulleres. Tamén contamos coa presenza do alumnado de 1º de bacharelato.

Presentación de "Enórmic Banda"

A nova no Faro de Vigo

"Enórmic Banda", a revista de banda deseñada dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega do Salnés,  saíu á luz un ano máis. O milagre fano posible unha serie de profesores entusiastas que este ano renderon homenaxe a unha das súas baluartes, Rosa Feixoo, tristemente desaparecida hai poucos meses. A ela está dedicado o limiar da revista da man do escritor Ramón Caride. Tamén este ano contamos cun debuxante de prestixio, Manel Cráneo, para a nosa portada e contraportada. Pero o máis especial de toda a nosa revista son os traballos do noso alumnado nela. Neste caso desde o IES de Vilalonga, Eva Basdediós e María Camiña de 3º de ESO foron as escollidas, pero non queremos deixar de citar que a colleita de bandas deseñadas deste ano foi especialmente boa e que o alumnado de 1º de bacharelato entregou estupendos traballos que non puideron entrar para a selección da revista por presentárense fóra de prazo. De aí que estean  nunha exposición nos corredores do noso centro para todos aqueles que os queiran ver.


A presentación da revista desenvolveuse o pasado día 30 de maio no IES Ramón Cabanillas. As nosas alumnas non puideron compartila co outro alumnado seleccionado porque se atopaban na saída do Club de lectura na illa de San Simón, pero séntense igualmente premiadas coa publicación dos seus traballos na revista.


Día escolar da non Violencia e da Paz




O luns 30 de xaneiro celebramos no IES Vilalonga o Día Escolar da non Violencia e da Paz. O grupo de voluntarios da biblioteca realizaron unha serie de intervencións: pombas feitas mediante papiroflexia penduradas do teito, pegadas con frases relativas á paz (colocáronse nos corredores cara ás aulas e á Biblioteca) e un gran mural indicando o motivo da celebración. 

A profesora Noli Fernández organizou un concurso de fotografía, para todo o alumnado do Centro, cuxo tema era "imaxes dirixidas a potenciar a Non violencia e a Paz e a mellorar a convivencia das persoas". Realizouse unha exposición no mural feito polos voluntarios cos tres traballos premiadas e outros presentados.