Viaxe didáctica do alumnado de Relixión

 

 O martes 28 de febreiro as alumnas e os alumnos de Relixión de 4º de ESO e Bacharelato do IES de Vilalonga, saímos  do IES para desfrutar dunha visita ás terras de Vilasantar, Sobrado e Mesía, concellos  rurais do interior de Galicia con  anacos de natureza, historia, cultura e humanidade  que moitos de nós acabamos de descubrir.

En Vilasantar, entre a Ruta dos Muíños do río das Gándaras e a Ruta espiritual de San Pedro de Mezonzo, contemplamos unha xoia da arte románica galega, Santa María de Mezonzo; camiñamos aldea abaixo para ver a Hórrea de Vilaboa e as casas antigas, mentres as vacas pastando nos observaban recordándonos de onde vén o leite… Seguimos a camiñar á beira do río para atoparnos co conxunto de fervenzas, muíños e o impresionante Batán de Mezonzo, máquina de orixe medieval movida pola forza da auga, que transformaba os tecidos de lá en mantas.

A Sobrado dos Monxes fomos ver o Mosteiro e a comunidade que alí vive compartíu con nós o seu momento de oración que observamos con ollos de quen se achega con asombro ao descoñecido .

Á hora da comida chegou o momento máis agardado: A visita ao lugar chamado Raíña, en Cabrui (Mesía). Nese lugar vive e acolle a moita xente un cura especial, amigo, inquedo, soñador de proxectos solidarios, Víctor, quen ofrece unha casa  coas portas abertas, sen pechadura, un lugar onde soñar, como di a canción, que "todo o mundo era un fogar, todo o mundo unha familia, unha familia universal".




Ningún comentario:

Publicar un comentario