Os alumnos Daniel Conde Torres e Alba Gándara Martínez de 2º de bacharelato A realizaron a seguinte crónica da visita de Jorge Mira.
"No punto de Mira"
O pasado venres 10 de abril
recibimos a visita do insigne catedrático de electromagnetismo Jorge Mira, máis
coñecido polo seu papel no programa das sobremesas da TVG Cifras e letras,
actualmente Verbas van.
Tras os nervios da presentación inicial, pois non era para menos, non se
ten todos os días o pracer de escoitar unha charla dunha persoa tal, o noso
convidado abordou un tema que xa preocupaba aos máis antigos: A que altura
está o ceo?
Cando o home pensaba que a Terra era plana, observaba o ceo como unha
cúpula, pero descoñecía a que altura se atopaba.
Para responder a esta pregunta debemos coñecer a distancia de distintos
elementos como o Sol, a Lúa e as estrelas con respecto da Terra.
Desde moi antigo, os filósofos gregos sabían que a Terra non era plana,
porque as posicións no ceo do Sol, da Lúa e do resto dos corpos celestes
variaba en función da latitude, chegándose á hipótese de que a Terra debía de
ter tamén forma esférica.
Ademais, existían varias probas que apoiaban esta hipótese: a sombra que
proxecta a Terra sobre a Lúa, nas eclipses de Lúa, mostra un perfil redondeado
e cando vemos un barco perderse no horizonte, observamos como non só o barco se
fai máis pequeño, senón que o último que vemos é a parte superiaor, é dicir, o
casco é o primeiro en desaparecer.
Baseándose nisto, Erastótenes de Cirene realizou en Alexandría a primeira
medida válida do raio da Terra. Estudando papiros leu que en Siena, unha estaca
cravada verticalmente no chan non proxectaba sombra algunha no mediodía do
solsticio de verán. Como isto non ocorría en Alexandría, ideou un procedemento
para determinar o raio da Terra: mediu a sombra dunha estaca colocada en
Alexandría e obtivo un ángulo de 7'2º, que é a cincuenteava parte dunha
circunferencia. A continuación, mandou calcular a distancia entre Siena e
Alexandría, que era duns 800 Km. Como o ángulo calculado era proporcional ao do
arco terrestre que une ambas as cidades, o perímetro da Terra sería de 40000 Km, o
que nos dá un raios de 6366 Km.
Con este dato chegaba á conclusión de que se a Terra é unha esfera, o ceo
debía de ser unha segunda esfera máis grande aínda, que envolve á primeira.
Non obstante, remataría por descubrir que os distintos elementos do ceo
están a diferentes distancias.
O primeiro en calcular a distancia á Lúa foi Aristarco de Samos, que tomou
os datos durante unha eclipse lunar, baseándose na curva da sombra da Terra
sobre a Lúa.
Hiparco de Nicea concluíu que a distancia entre a Lúa e a Terra era
aproximadamente trinta veces o diámetro desta última.
Aristarco decatouse de que a Lúa, cando estaba no primeiro ou último cuarto
formaba un triángulo rectángulo co Sol e a Terra, mais non é unha tarefa
sinxela medir os ángulos no espazo, nin coñecer con exactitude o momento no que
a Lúa se atopa en primeiro ou último cuarto.
Tamén serán de gran relevancia as achegas de Galileo, Copérnico, Kepler e
Albert Einstein entre outros.
Outro aspecto a ter en conta para determinar a distancia é o efecto
Doppler: cando unha fonte sonora se aproxima, as ondas acumúlanse de xeito que
aumenta a frecuencia e o son é máis agudo, mentres que se se afasta a fonte, é
máis grave.
A luz tamén é unha onda, a diferenza é a frecuencia na que vibra. Ao ser
unha onda, tamén sofre o efecto Doppler, polo que cando a fonte de luz se
aproxima, as ondas luminosas acumúlanse, aumentando a frecuencia e polo tanto,
véndose máis azul, e se a fonte se afasta, diminúe a frecuencia e as ondas veranse
máis vermellas.
Este efecto permitiulle a Hubble descubrir que o Universo se expandía
(corremento cara o vermello), polo que as galaxias máis afastadas víanse máis
vermellas.
Como consecuencia, podemos extraer que o Universo se expande e se damos
marcha atrás, descubrimos que houbo un momento no que todo estaba comprimido e
cuxa explosión deu orixe ao Universo.
Mostrando a súa fascinación polos datos tan precisos que obtiveron os máis
antigos sen dispoñer da tecnoloxía actual para os seus experimentos e
contándonos todo isto dun xeito afable e especializado na medida do necesario,
aproveitando para facer gala de patriotismo e da súa paixón polo deporte ao
instarnos a ver a Gómez Noya na TVG2, sen parar de bromear e amosándonos a
amizade que ten con personaxes tales como Stephen Hawking, pola nosa banda, só
nos queda dicir que foron dúas horas moi interesantes e ben empregadas e que
convidamos a Jorge Mira a volver cando o desexe, deixándolle as portas do noso
IES de Vilalonga abertas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario