O pasado día 10 continuamos dándolle forma ao noso proxecto de radio no centtro, neste caso con formación a cargo de Luis Pardo para que o alumnado saiba empregar as técnicas necesarias para ser grandes locutores/as.
CREA A TÚA BOLSA
Os departamento de LGL e o EDLG colaboramos para facer con 1º FPB de administrativo unha actividade artística. O alumnado deseñou e realizou o debuxo da súa propia bolsa de algodón ecolóxico.
Unha forma de deixar saír a creatividade e usar a lingua!!!
EXPOSICIÓN MANUEL MARÍA
Desde hoxe, e durante todo o mes de marzo, teremos no centro unha magnífica exposición titulada Manuel María. Beleza, amor e compromiso. (1929-2004) sobre a vida e a obra dunha das figuras fundamentais do panorama literario e cultural galego do século XX.
Grazas infinitas á Fundación Manuel María de Estudos Galegos por esta colaboración que nos serve para lembrar o legado deste autor e para difundilo entre as novas xeracións.
CALIGRAMAS DE NADAL
O alumnado de 4º da ESO fixo coa profesora de LGL uns caligramas relacionados co tempo de Nadal. Aquí deixamos unha pequena mostra para desexarvos unhas boas festas e un mellor Aninovo!
SESIÓN DE CINE GALEGO
Esta tarde o alumnado 2º de bacharelato tivo a fortuna de contar cunha selección de curtametraxes en lingua galega gañadoras na sección Fetus do FKM (Festival de Cinema Fantástico da Coruña). A marabillosa colaboración do director do festival , Tonecho Otero, e dos directores/as que cederon os dereitos das súas obras para poder facer unha sesión de cine no noso IES é impagable. Grazas a todas esas persoas por darnos acceso a unha fonte de pracer e de coñecemento e reflexión como é o cinema, e moito máis por selo en galego.
Esperamos poder repetilo ao longo deste curso e doutros vindeiros.
As obras proxectadas foron:
Monte Bravo (Noelia Muiño, 2020), Mare (Guille Vázquez, 2020), O que queda de nós (Miguel Gómez Abad, 2021), Canibalismo (Diego R. Aballe, 2021), Elas (Aaron Siebert, 2021), Galego á medianoite (Martín Caínzos Sanmartín, 2020) e Cineris (Carlos A. Quirós, 2021).
25N - A rapazada de 1º ESO
As persoas de 1º de ESO participaron nas actividades do 25N e desde a materia de LGL e o EDLG puxemos o noso gran de area para concienciar sobre a necesidade de eliminar da nosa sociedade os comportamentos violentos cara ás mulleres ao mesmo tempo que coñecemos e usamos a nosa lingua.
3 de decembro: día internacional da discapacidade
Os días 30 de novembro e 2 de decembro o alumnado de 1º da ESO tivo a fortuna de gozar da presenza dos membros da Asociación Amizade de Pontevedra. Así puidemos coñecer, de primeira man, o que é a discapacidade e como forma parte das nosas vidas e da nosa sociedade. Do mesmo xeito aprendemos a respectar a diversidade, a reivindicar a igualdade efectiva e a defensa dos dereitos de todas as persoas, sexa cal sexa a súa condición e situación.
Grazas polo voso tempo e traballo!