RECENSIÓN DE "Bobas e galegas"


RECENSIÓN de Ana Rodríguez Domínguez (1º BACH C)

 














Unha luz tenue e amarela arroupaba o escenario do teatro e as case 200 almofadas brancas que cubrían completamente o chan. Sobre elas, atopábase un home traxado sumido nos seus soños que rompía o silencio con fortes ronquidos, creando un ambiente onírico en toda a sala. Desta maneira daba comezo no Teatro Principal de Pontevedra a representación da obra Bobas & Galegas ofrecida polos actores do dúo cómico "Mofa e Befa" , dirixida polo dramaturgo Quico Cadaval e elaborada por Jesús Aladrén con textos de Andrés de Claramonte, Calderón de la Barca, Francisco de Quevedo e Juan de Zamora.

Trátase dunha obra didáctica e cómica na que, a través da representación de fragmentos doutras composicións do Século de Ouro como La estrella de Sevilla, Las visiones de la muerte ou Miseria dos xornaleiros galegos nos campos de trigo de Castela, trataba de mostrar a marxinación e o desprezo que sufrían os galegos que emigraban cara Castela nesa época, facendo un percorrido por todos os tópicos que atopamos con respecto a este tema.

En canto á dirección e á actuación, Evaristo Calvo e Víctor Mosquera logran recitar os versos con naturalidade e interpretar cada personaxe da obra con grata soltura, transmitindo estas sensacións ao público. Na explicación do texto inicial, Evaristo compórtase como un cabaleiro culto, de alto nivel intelectual e vocabulario cheo de tecnicismos. Con todo, a súa actitude camaleónica permítelle pasar a ser un criado en La Estrella de Sevilla ou un tolo famento en Las visiones de la muerte. Mosquera comeza realizando o papel dun inocente campesiño que se asombra de si mesmo cando é capaz de crear versos ao poñerse a gorgueira. Pero, do mesmo xeito que o seu compañeiro, pode cambiar de personaxe con facilidade e converterse nun fidalgo mentalmente desequilibrado ou ser un anxo e un demo simultaneamente.

O deseño de produción, no cal se viron involucrados varias persoas do equipo, xogou un papel moi importante na obra. O escenario contén os mesmos elementos que ao comezo: unicamente se modifica cando os actores moven as almofadas de lugar ou evocan, na representación do texto de Calderón, un carro cun conxunto de almofadas suxeitas no aire por dúas cordas vermellas. A iluminación cambia dunha luz branca a outra máis cálida cada vez que recitan un dos textos ou para sinalar os cambios de espazo. A música funciona como un elemento fundamental pois, do mesmo xeito que no Século de Ouro, utilízase na obra como medio principal para narrar a historia, polo que tamén conseguen achegar o espectador á época. Para iso, o director musical, Fernando Reyes, escolle composicións tradicionais galegas que chegaban a Castela naqueles anos. O vestiario inicial de ambos os personaxes comeza sendo un traxe marrón claro con camisa e un pano na cabeza, dando un aspecto rústico. Ao terminar o primeiro texto, desfanse do traxe, quedándose ata o final da obra soamente co camisón no que se converteu a camisa, uns pantalóns frouxos e uns zapatos brancos. Os personaxes utilizan, ademais, unha gorgueira, instrumentos musicais, unha fouce, unha corda e ás almofadas como vestiario, obxectos ou persoas.

En conxunto foi unha obra divertida e amena que en máis dunha ocasión conseguiu arrincar tanto en min coma no público xenerosas gargalladas. Pero o máis admirable da representación é que non só se reduce a unha comedia; detrás dela existe tamén unha lección moralizadora que pretende denunciar a conduta dos casteláns cara ós emigrantes galegos, aos que explotaban cando chegaban ás súas terras no período do Século de Ouro español. Tamén cabe destacar a interesante mestura de estilos entre as escenas de Quico Cardaval e as dos clásicos, sobre todo polo labor de Mofa e Befa que, grazas á súa interpretación, conseguiron que as representacións das obras clásicas fosen frescas e non tan tediosas como cabe esperar para un público novo. Quizais o único inconveniente fose que a acción e os diálogos dos personaxes se desenvolvían demasiado rápido para a abundante información que contiñan, en ocasións provocando a dificultade de comprensión. A pesar disto, considero que é unha obra moi recomendable pola función didáctica que se mestura co cómico, conseguindo que o público comprenda e reflexione sobre o significado máis profundo da obra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario