Charla sobre os riscos da internet

Un axente da Garda Civil visitou o noso centro para alertar dos riscos da internet. Aquí vos deixo un resumo da charla na que os rapaces e as rapazas interviñeron para preguntar dúbidas e compartir experiencias.
As ferramentas que pon á nosa disposición internet son fabulosas pero poden converterse nun arma de dobre fío se non as empregamos ben, xa que non só se empregan para buscar información senón para ameazar, calumniar, inxuriar e violar o noso dereito á intimidade.
Temos que saber que NON SE PODEN SUBIR FOTOS DE MENORES DE IDADE A INTERNET SEN CONSENTIMENTO ESCRITO DOS SEUS PAIS, NAIS OU TITORES LEGAIS, xa que é un delito coas consecuencias que eso leva consigo ante unha denuncia.
Non podemos esquecer que as fotografías que se aloxan na rede xa non se poden quitar.


Ademais, as fotos que subimos a internet levan moita información que se pode obter cun software como a marca do móbil, a data na que foi feita a foto e incluso as coordenadas onde se fixo co que se pode indagar onde vivimos ou realizamos actividades durante o tempo de lecer.
Debemos ter claro que se empregamos as redes sociais ou a mensaxería instantánea xamais debemos aceptar contactos de descoñecidos xa que, para que querería falar con nós alguén que non nos coñece? Quizais o video seguinte poida responder a esta pregunta.


Como vedes é moi sinxelo enganar a través de internet, moitos de vós o facedes dende o momento en que vos rexistrades cunha data de nacemento que non é a correcta para poder ter un perfil en facebook ou outras redes sociais (o facebook a partir dos 14 anos,  o watsapp  para usuarios maiores de 16).
O axente da Garda Civil deu ademais unha serie de consellos para navegar seguros na rede:
-Cando nos conectamos a través dunha rede wiffi pública ou aberta non debemos facer compras online, acceder á banca electrónica, cambiar contrasinais de acceso, acceder a facturas online, conectarse a redes sociais ou a chats, conectarse en remoto a outros equipos, posto que a rede pode estar intervida e se é o caso poderían acceder ó noso dispositivo e obter fotos, contrasinais ou calquera tipo de arquivo. 
-Se abrimos calquera aplicación nun ordenador público hai que cerrar sempre a sesión.
-Redes P2P. A palabra "gratis" en internet non existe e co Emule, o Ares, o Bit Torrent podemos introducir un malware, un virus e infectar o ordenador ó descargar algo.
-Por suposto hai que ter sempre instalado un antivirus -mellor con firewall-(no ordenador, no móbil, na tablet...), actualizar o navegador e mercar só en páxinas con https , sen o -"s" non é segura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario