25N E SEMPRE!!!

 

25N no IES de Vilalonga

Cando o espello pesa e a palabra libera 💜

 

Cada 25 de novembro lembramos que as violencias machistas teñen moitas caras, tamén aquelas que ás veces se disfrazan de "coidado", "moda" ou "perfección". Este ano, dende a Coordinación de Igualdade, en colaboración co departamento de Debuxo e a Biblioteca, quixemos poñer o foco na presión estética exercida sobre as mulleres: ese runrún constante que nos di como debemos ser, pesar, vestir ou envellecer, roubándonos tempo, autoestima e liberdade.

Para que a reflexión non quedase só nunha data sinalada no calendario, construímos este 25N entre varias mans e linguaxes ✦

🎨 A ollada que transforma

O alumnado de Debuxo Artístico foi o encargado de poñerlle imaxe e trazo a esta temática. A través dos seus murais —que se poden ver polos corredores da pranta baixa do Edificio I. O espazo encheuse de cores, porque a arte axuda a expresar o que ás veces custa poñer en palabras, e estes murais convidan a parar, mirar de fronte e pensar.







 

🪧 Mensaxes que saen ao teu paso

Espallamos carteis por distintos espazos do instituto con frases que reflicten como se vive esa presión estética, para invitar a parar e pensar esteas onde esteas. 



 

🎤 Voces que toman a palabra

Como todos os anos, alumnado do IES deu lectura a un manifesto. Este ano, as encargadas de poñer voz ao que todas pensamos son dúas rapazas de 4º ESO, Sara Salomón e Alicia Valle. Escoitalas falar claro, con convicción e sen filtros, lembrounos por que ten sentido encher os centros educativos de espazos onde a mocidade poida nomear o que lle pesa e imaxinar outras maneiras de relacionarse cos seus corpos e coas demais persoas.

 

 📚🎬 Ler e ver para remover conciencias

Na biblioteca preparamos un recuncho especial con libros e películas escollidos para escarvar no tema dende distintas perspectivas: dende a crítica cultural e o feminismo ata historias íntimas sobre a imaxe corporal, a identidade e a sororidade.

Tanto se buscas un ensaio para afondar no tema como unha novela ou un filme que che faga compañía e che remova por dentro, agardan por ti no expositor do 25N ✨



 

O 25N non remata hoxe

Os murais seguen aí, os libros seguen prestando e as conversas que comezaron esta semana teñen moito camiño por diante. Pasade pola biblioteca, observade con calma, levade un libro ou unha película para a casa e seguide construíndo un espazo onde todas nos sintamos libres e valiosas tal como somos 💜

Ningún comentario:

Publicar un comentario