1º Premio Relato, categoría B: ALGO INSÓLITO

Este é o primeiro premio de relato curto na categoría B do Certame Abril dos Libros Maio das Letras 2010 do IES de Vilalonga.
Autora: Patricia Pérez Domínguez (3º ESO C)

ALGO INSÓLITO

Eu estaba alí, pechada naquel galiñeiro fedorento.
Respiraba entrecortadamente apoiada na columna de madeira. Estaba esgotada. Agudicei o oído e mantívenme á espera mentres os latexos do meu corazón martilleaban nos meus oídos. Fóra semellaba estar todo en calma.

Maldito sexa o día no que se me ocorrera visitar a base militar deshabitada, pensei. Os recordos acudíronme en tropel e non tiven máis remedio que aceptalos.
Vaites! Si que era grande o enreixado da base militar. Por que razón o 2º enreixado estaba electrificado? Tamén dicían ás veces que os gardas civís subían ata alí. Para que? Mentres me preguntaba todo isto, fora adentrándome na maleza, preto da entrada principal. Un letreiro na cancela poñía: “BASE MILITAR. PROHIBIDO O PASO”. A única maneira de acceder era por alí e eu sabía que só tiña unha oportunidade de esquivar os gardas.

Grazas a escuridade da noite podería entrar sen ser vista. Non o pensei máis. Funme cara a cancela e coleime dentro rapidamente. Seguindo unha corazoada, paseei polos corredores. Por todo o chan había papeis. Algúns de 1899, e mesmo de 2005? Non podía ser! A base levaba pechada desde o ano 2000. Ao levantar a mirada do papel observei, con gran asombro, un panel eléctrico táctil. Acerqueime e comprobei que a última revisión que se pasara era de 2009. Este ano! Deus! Era certo. A base seguía aberta e non obstante queríannos facer crer que non.

De socato oín un ruido detrás de min. Era a porta metálica do panel electrónico. Militares armados e o que parecía un home morto, presentáronseme diante dos meus ollos. Botei a correr e uns disparos pasáronme rozando. Corrín ata chegar a unha granxa. Metinme dentro e pechei a porta
con chave. Intentei tranquilizarme. Xa non oía nada fóra. Estaría a salvo?

A porta abriuse e un forte estoupido oíuse en todo o lugar. Notei a presión da bala no meu estómago. Ía morrer por unha tontería. O último que sentín foron uns dedos no meu pescozo e un susurro que me dicía: “Síntoo. Son ordes. Máis che valía non ter entrado na base”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario