UNHA ESCRITORA DE L.I.X. NA ACADEMIA


Fina Casalderrey Fraga, nova académica electa

RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!
A escritora Fina Casalderrey
A escritora Fina Casalderrey.
A escritora pontevedresa conta cunha longa e recoñecida traxectoria no eido da literatura dirixida aos lectores novos.

Fina Casalderrey (Pontevedra, 1951) é autora de máis de medio cento de obras traducidas –entre outras linguas- ao portugués, ao castelán, ao catalán, ao eúscaro ou ao bretón, polas que foi galardoada con numerosos premios entre os que se contan o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa, e o Premio Edebé de Literatura Infantil e Xuvenil por O estanque dos parrulos pobres.
A nova académica ten participado ademais, ao longo da súa longa experiencia como docente, en numerosos proxectos de investigación pedagóxica e de promoción do galego no ensino.
A súa incorporación á Academia supón, asemade, un recoñecemento da importancia da produción destinada aos máis novos no desenvolvemento e normalización da nosa literatura.
FONTE: RAG e Rede Lectura.