OUTONO: CINE

 INCH´ALLAH. Anaïs Barbeau-Lavalette. Algo máis que "unha doutora europea en Palestina que vive en Israel". Dous mundos enfrontados: os muros que erguen os poderosos do mundo para non ver as miserias que enxendran do outro lado. Estado de sitio.


TI MÁIS EU (Tú y Yo / Io e Te). Bernardo Bertolucci. Este mestre do cine italiano regresa unha vez máis para falar dos xoves, bota unha ollada á adolescencia e faino ben. Lorenzo ten 14 anos e rebélase contra o mundo vivindo en soedade, pero que fai o mundo?

A CAZA (La caza / The Hunt). Thomas Vinterberg. Un bo filme dinamarqués que ocorre no ámbito da escola e dun pequeno pobo, onde unha mentira corre coma a pólvora e pode rematar en traxedia. Fermosa  é a fotografía e a súa banda sonora. Moi boa interpretación.

BÁRBARA (Barbara). Christian PetzoldUnha vez máis no século XX, os muros erguidos polas guerras, sempre dos poderosos, impiden que a vida de moitas persoas, responsablemente dedicadas ao seu traballo, sexa digna. Represión. Só o amor, o coñecemento e o trato humano van restaurando a situación. Alemaña do Leste (República Democrática Alemana), 1980. Magnífica interpretación.

ANNA KARENINA (Anna Karénina). Joe Wright. de novo volve ao cine esta historia romántica de amor e rebeldía do século XIX, baseada na novela do mesmo nome de León Tolstói. Agora sorpréndenos cunha posta en escena máis próxima ao teatro. 

NON (No). Pablo Larraín. Baseada na obra teatral El Plebiscito, de Antonio Skármata. Neste filme pódese ver como se xesta a campaña publicitaria que rematou coa longa e brutal dictadura de Augusto Pinochet en Chile. Se alguén quere ir máis lonxe pode ver tamén Missing que mostra, a raíz da desaparición dun xove cooperante norteamericano en Chile, como e quen decidiu rematar violentamente co goberno democrático de Salvador Allende (1973) e elevou a Pinochet ao poder. Golpe de Estado.

LAWRENCE DE ARABIA (Lawrence of Arábia). David Lean. Outro clásico para ver que nos leva, a través das campañas do enigmático oficial británico T. E. Lawrence, aos escenarios da Primeira Guerra Mundial, durante a que árabes, apoiados polo Reino Unido, e turcos tamén se baten. 
             
                   GRANDES ESPERANZAS (Great Expectations).MikeNewell.Tamén reaparece esta obra épica do século XIX baseada na novela homónima de Charles Dickens. Hai outras versións xa clásicas e brillantes, pero esta chéganos con actores novos. Non está mal, e esa necesidade que temos os humanos de que nos conten historias felices e dramáticas, que nos transmitan os sentimentos e as emocións dos demais, ben pode quedar satisfeita. Que nos conten un conto longo, talvez nós tamén sexamos eles. 

O EXERCICIO DO PODER (L´Exercice de L´Etat). Pierre Schoeller. Un interesante thriller político do noso tempo.
Rb.

Ningún comentario:

Publicar un comentario