Recensión de ANA CORES, 1º BACHARELATO A
O pasado
xoves 17 de novembro o alumnado de 1º de bacharelato do IES de Vilalonga
asistiu á representación da obra de teatro "Get Back" (como a
canción dos Beatles) do grupo Eme2 no
teatro Principal, en Pontevedra, grazas a unha actividade organizada polo EDLG
(Equipo de dinamización da lingua galega). Esta obra foi escrita por Diego
Ameixeiras e dirixida por Jorge Coira, baseada nunha idea orixinal de Camilo
Franco.
A trama desenvólvese entre o drama, a ironía
e o humor ofrecendo unha visión sobre os conflitos galegos, neste caso dos
"londonders", galegos que viven na cidade de Londres, que emigraron
en busca dunha vida mellor. É unha peza cargada de retranca que conta a
historia de cinco persoas que van nun vagón do metro de Londres.“Get Back”
representa a cinco persoas, catro delas galegas e outra inglesa, que se atopan
no transporte da capital británica. Estas cinco persoas teñen moitas cousas en
común, pero eles non o saben. Saben de onde veñen, pero ningún está seguro de a
onde vai.
Todo comeza como un accidente, o metro detén
o seu movemento e comezan os problemas. Están atrapados no medio dun túnel;
pode ser unha avaría, un atentado, unha folga, ou todas as cousas á vez. A
partir deste momento, as súas vidas quedan cruzadas. Cada un ten a súa
historia, cada un cos seus apuros, a súa crise pequena ou grande. E no momento
que o metro se deteña, terán un momento para parar, poñela en conflito cos
demais e aprender algo da vida.
O elenco
desta obra está composto por Alfonso Agra, Federico Pérez, Mercedes Castro,
Miguel Guido e Tamara Canosa que dan vida a unha variedade de personaxes entre
os que hai unha bióloga buscando a vida cun traballo de camareira, un
empresario que leva tempo afincado en Londres, un informático buscando a súa
oportunidade, unha muller adicta ao alcohol que se lamenta polo seu pasado e un
londiniense. A representación destes personaxes é magnífica, os actores
desenvolven os seus papeis moi ben. Os cinco intérpretes encarnan os seus
respectivos personaxes con moita veracidade, de tal forma que nos fan esquecer
que somos membros dun público e que estamos nun teatro. A min gustoume,
especialmente, a interpretación de Mercedes Castro, non calquera vale para
darlle vida a unha muller borracha, e ademais cunha historia tan dura e triste
coma a dela.
“Get
Back” é unha obra moi realista. Quizais este feito, faga que sexa moi difícil
que a representación non nos guste, pois calquera persoa se pode ver nunha
situación similar ou igual. É ben sabido
que o teatro non se caracteriza, a diferenza do cine, por un gran decorado ou
unha gran iluminación, debido ás súas limitacións. Non obstante, a decoración,
o vestiario, a maquillaxe, o escenario, os audiovisuais, a música e a iluminación
desta obra estaban de acordo co representado e non se precisaba de nada máis.
Quizais, o único que puido fallar fose o son, xa que houbo algún que outro
momento nos que non se entendía aos actores.
Recoméndolle
a todo o mundo que se anime e vaia a ver esta obra, a min encantoume. É ese
tipo de representación teatral na que ris, a pesar de que o que se está
interpretado é duro e moi real. Con esta obra aprendín que non todo é un camiño
de rosas e que ás veces o mundo vese en branco e negro, pero aínda así debemos
loitar polos nosos soños, e xamais renderse por moi duro que sexa ese camiño.
RECENSIÓN DE ANA FERNÁNDEZ, 1º BACHARELATO A.
No escenario atópase ilustrado un vagón de metro en marcha. Nel hai carteis das liñas,
asentos, e barras para que os pasaxeiros senten. Atopámonos en Inglaterra, nun dos
escenarios onde as persoas inglesas de clase media pasan moita parte do seu tempo.
Cabe dicir que esta obra foi escrita por Diego Ameixeiras e que a idea orixinal da
mesma foi de Camilo Franco.
A comedia comeza cun problema no metro de Londres cando este se para por
problemas na vía. Nun dos vagóns do tren atopámonos con catro galegos e un inglés
que fala portugués. Ningún dos cinco se coñecen, pero a medida que pasan tempo
encerrados van descubrindo cousas sobre os outros, contando a súa vida e os seus
problemas, e incluso chegan a acadar unha certa relación.
Falando da dirección e actuación, penso que é unha comedia moi realista e obxectivista, pois a idea da trama saíu a partir dun traballo de documentación de Camilo Franco, que foi pola cidade londiniense buscando galegos que vivían alí e preguntando acerca das súas experiencias e emocións. Os personaxes son moi característicos e mostran á perfección a retranca e a personalidade galega, ademais de reflectir a situación de moitos galegos que tiveron que emigrar debido aos malos tempos no noso país e as circunstancias ás que se expoñen.
Nesta obra, os elementos de deseño estaban moi ben preparados e ensaiados, pois a
iluminación e decoración do escenario era moi realista e facían que o espectador se
somerxese no contexto. Ademais, a música dos Beatles nos introduce no mundo
londiniense e a súa canción “Get back” dános unha idea do enfoque da obra e do que
quere transmitir esta. O vestiario e a maquillaxe eran sinxelos pero adecuados á
situación da comedia, esta representaba unha situación cotiá na vida de calquera dos
cinco cidadáns que actúan na obra; tamén, estes dous elementos se axustaban aos
estilos de vida de cada un.
Pareceume unha comedia moi divertida e entretida, que aínda que non cambiara de
escenario nin de personaxes durante toda a obra, non se fixo nada pesada. Ademais non
era un humor parvo, senón que moi traballado, aínda que moito deste mérito o tiñan os
actores, que conseguían chegar a situacións nas que os espectadores non podiamos
parar de rir. Recomendo esta obra a persoas de todas as idades que queiran pasar un bo
rato, pois é adecuada para todos os públicos e o humor é comprensible por todos os
galegos que levamos en vea a famosa retranca.
Ningún comentario:
Publicar un comentario