O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca e con tal
motivo a Biblioteca do IES de Vilalonga realizou unha exposición de fotografías
de Antonio Pampliega agrupadas baixo o título “O seu futuro depende de nós”.
Son imaxes que reflicten miradas que transmiten dor, pero tamén ilusión e desexos
de seguir loitando por unha vida mellor ou simplemente sobrevivir.
No Congo, en Siria, en Somalia, no Kurdistán a cámara captou cidades
convertidas nun campo de cascallos, nenos que foron secuestrados para seren
convertidos en soldados, mulleres vítimas de violacións que despois foron
repudiadas polos seus homes ou cando menos obrigadas a abandonar os seus
fillos, corpos con membros amputados pola guerra...
Noutros casos a imaxe é a de seres que arriscan a súa vida partindo
desde países como Libia na procura dun mundo mellor cruzando o Mediterráneo ou
a de rapaces que aínda son quen de atopar momentos para o xogo e a ilusión na
realidade adversa que os rodea. Prestounos esta exposición o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa.
Antonio Pampliega (Madrid, 1982) é un periodista cuxas reportaxes en numerosas zonas de conflito (Afganistán, Iraq, Líbano, Paquistán, Siria...) foron difundidas en canles de televisión como a CNN, a BBC ou xornais como The Times, El País ou El Mundo.
En 2015 permaneceu secuestrado en Siria polo grupo terrorista Al Qaeda
durante 299 días, experiencia extrema que recolle no libro En la oscuridad (2017).
Coltán, matrimonios amañados de nenas afganas, secuestros en
Venezuela, Ku Klux Klan, cazadores
furtivos, prostitución infantil... son temas
captados pola súa cámara para achegarnos unha realidade que non debería deixar impasible a ninguén.
Eduardo Pérez Baamonde, membro do equipo da biblioteca e profesor de plástica,
fixo este bonito cartel para celebrar o 24 de outubro. A biblioteca ten un papel fundamental no Centro,
pois garda cantidade de materiais útiles para a aprendizaxe, a información, o lecer, etc. Serve como lazo de unión entre todos os membros da comunidade escolar e presta o seu espazo para xuntanzas, obradoiros, visitas de escritores, exposicións, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario