Esta semana celebramos por todo o alto ser muller.
Aúnamos a celebración do Día da Muller e a Nena na Ciencia co 8M, cunha actividade moi especial.
Os departamentos de Ciencias do IES, cos que colaborou a Biblioteca a través do programa Radio na Biblio, e a coordinación de Igualdade, organizaron unha táboa periódica na que cada elemento era unha muller que destacou ou destaca no campo das Ciencias.
Cada científica ía acompañada dun código QR que contiña información sobre a súa vida, logros académicos e profesionais e a súa aportación á sociedade. Estes audios foron gravados polo alumnado das materias de Ciencias na Aula de Radio durante o mes de febreiro, para conmemorar o Día da Radio. Para realizalos, previamente tiveron que buscar información sobre as científicas e redactar un texto que resumira o seu valioso traballo e contribución á sociedade.
O paso seguinte consistía en resolver diferentes preguntas sobre estas mulleres, a través da información obtida dos podcast, para o que traballaron en grupos.
A Biblioteca quixo sumarse tamén a esta homenaxe tan merecida, non só a través da selección de obras que xa subimos hai uns días e que tivemos exposta,
senón tamén coa propia porta, decorada para a ocasión (fíxadevos no detalle do ollo)
Esperamos que vos gustara e que sigan a levarse a cabo iniciativas coma esta nas que o alumnado aprende e se pon en valor a valiosa aportación á sociedade de tantas mulleres.


.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario