Saída teatral a Pontevedra


O xoves 16 de novembro o alumnado de ESO e de Bacharelato do noso centro asistiu á posta en escena no Teatro Principal de Pontevedra d' A noiva de Don Quixote, comedia escrita por José Luís Esteban e dirixida por José Carlos García.
A compañía Eme2 presenta unha obra na que a actriz Mercedes Castro, coñecida polo gran público como Amelia, a criada que  coida do Padre Casares na serie da TVG, dá vida a unha Aldonza Lorenzo que aparece en escena  levando ás costas  un decorado que irá dispoñendo sobre as táboas ó longo dos cincuenta minutos que dura a representación.
Case unha hora durante a que o público atende ás reflexións de Aldonza Lorenzo sobre a  vida e sobre a identidade da noiva de Don Quixote.



 A noiva de Don Quixote

“A obra trata un tema tan recorrente como o do  Quixote cun punto de vista innovador e orixinal: o de Aldonza Lorenzo.” (Santiago Reinal, 1º Bach.)
“Un dos detalles que máis me gustou foi que todo o que se utilizou no escenario levábao a actriz enriba e íao collendo conforme lle facía falta.” (Nerea G. Martínez, 1º Bach.)
“Esta é unha obra na que Aldonza Lorenzo se rebela contra a personaxe que Cervantes lle atribuíu na súa novela (Dulcinea do Toboso).(...) É unha obra irónica e a actriz, Mercedes Castro, dálle un toque de humor coa súa interpretación. (...) Aldonza Lorenzo critica a imaxe que Cervantes deixou dela e séntese unha muller a punto de perder a súa propia identidade  e ademais anoxada por unha fama non buscada. (...) A obra transmite así un certo feminismo.” (Sara Agís, 1º Bach.)
“Un papel complicado e unha boa posta en escena, aínda que con pequenos imprevistos. O cambio que dá a protagonista, renegar da súa sona de Dulcinea para ser ela mesma, a verdade é que me impresionou.” 
(Nerea G. González, 1º de Bach.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario