
Letras Galegas 2018

Bos Días das Letras Galegas 2018 desde o IES de Vilalonga!
Todos os Días das Letras Galegas son especiais, pero este ano 2018 éo un pouco máis, se cadra, posto que a escritora homenaxeada pisou as nosas aulas e compartiu a lingua cos nosos alumnos. Son varias as actividades que desenvolvimos estes días para renderlle a nosa pequena homenaxe, pero unha das máis lucidas son os mosaicos que realizaron os alumnos de 4º de ESO co profesor de plástica, Eduardo Pérez Baamonde.
Estes mosaicos adornarán de agora en diante o noso salón de actos facendo que a mensaxe de María Victoria Moreno perdure e nos acompañe no día a día que procuramos para as nosas Letras.
"Recreando a María Victoria Moreno"
As alumnas de 2º de bacharelato C: Alba Domínguez, Laura Martínez, Lara Martínez, Alejandra Pereira e Patricia Viso baseándose na biografía "A muller que durmía pouco e soñaba moito" de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre realizan unha recreación teatralizada con dúas entrevistas. Unha na que aparecen estas dúas escritoras e outra na que contamos en exclusiva cun documento inédito da propia María Victoria Moreno.
"María Victoria Moreno, galega por amor"
Unha das lección que nos deixou María Victoria Moreno é a de aprender a querer un idioma que non era o súa lingua nai e con el ós seus falantes.
Neste documental realizado polo Concello de Pontevedra devólveselle una anaquiño dese amor desinteresado a través das achegas de moita xente, tanto amigos e familiares como Xesús Alonso Montero (académico e amigo), Luís Bará (concelleiro e compañeiro), Manuel Bragado (editor), Fina Casalderrey (académica, escritora e amiga), David Castro (director do IES Torrente Ballester), Francisco Castro (escritor e editor), Pedro Ferriol (o seu viúvo), Rosa María Gómez Cuerpo, Manuel González Fernández e Manuel Seijas Marinero (amigos), Begoña Llacer Moreno (a súa filla), Eli Ríos (escritora), Francisco Xavier Senín Fernández (escritor, tradutor e amigo), Magariña Valderrama Curás e Pilar Álvarez (libraría Xuntanza), Mariló Valiño (compañeira no IES Torrente Ballester e amiga), Luz Gallego (librería Seijas).
Nel tamén hai un oco para o IES de Vilalonga, no que impartiu clases entre os anos 1986 a 1990. De feito, neste centro hai aínda profesorado e persoal non docente que foi compañeiro dela. E antigas alumnas, hoxe profesoras, que forman parte dese alumnado que lle agasallou o bolígrafo co escribiu Anagnórise.
"Lúa de prata" musicado por FUXAN OS VENTOS
Co gallo do Día das Letras Galegas, o emblemático grupo de folk Fuxan os Ventos musica o poema “Lúa de prata” da homenaxeada este ano 2018: María Victoria Moreno.
"Leonardo e os fontaneiros"

Entre-culturas: Campaña mundial pola educación.
O pasado xoves, 3 de maio DO 2018, 42 alumnos e tres profesoras do IES de Vilalonga fomos a Santiago a participar no acto central da SAME(Semana de Acción Mundial pola Educación),xunto con outros colexios e institutos de Galicia.
Primeiro, nun auditorio, expuxemos, cada centro, as nosas conclusións do traballado e aprendido acerca do dereito á educación e de como hai lugares do mundo e situacións que dificultan que miles de rapazas e rapaces accedan a ese dereito: pobreza, guerra, inxustiza, catástrofes naturais... Fixémolo con vídeos, pequenas representación teatrais,música, xogos... Logo fomos todos xuntos en marcha cara á Praza da Quintana, coreando lemas como "A educación é o camiño para a paz" " A educación é a solución" e " Deixa a túa pegada pola Educación".
Nestas fotos e vídeos podedes vernos coa pancarta e as pegadas que levamos desde o instituto. Na Quintana esperáronnos os políticos que nos representan en cuestión de educación e cooperación, aos cales
expuxemos preguntas e peticións para unha contribución verdadeira a
que a educación chegue a todos, para que os países se desenvolvan e o fagan en paz.
"Anagnoriseando"
Continuamos cos nosos vídeos de 2º de bacharelato sobre as Letras Galegas, neste Isabel Garrido e Alba Fernández xa se centran de cheo na autora das nosas letras 2018, María Victoria Moreno e na súa obra "Anagnórise" analizando pormenorizadamente diversos aspectos desta novela.
"Unha muller paseando dous cans preciosos"
O pasado 20 de abril estreouse en Sanxenxo a obra "Unha muller paseando dous cans preciosos". Dentro do programa falaRedes esta peza teatral pretende divulgar a vida e obra de María Victoria Moreno, autora homenaxeada nas nosas Letras 2018 e foi unha chiscadela a súa estancia no IES de Vilalonga a escolla da súa estrea no noso concello.
MARUXAS SEN PREXUÍZOS a falar das GALEGAS NAS LETRAS
Comezamos o mes das Letras Galegas cun vídeo das nosas alumnas de 2º de bacharelato A para poñérmonos ó día da pouca presenza feminina que tivemos até hoxe na nosa celebración por antonomasia.
Ana Cores, Cecilia Lores e Noelia Otero repasarán as Galegas nas Letras até chegar ás Letras 2018, nas que se está a reinvindicar a figura de María Victoria Moreno, que ademais foi profesora no noso centro.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)










