Ensino activo


O xoves 20 de xaneiro, o grupo de traballo de Mathcitymap trasladouse ao paseo marítimo de Sanxenxo. Está constituido por profesorado de matemáticas, plástica, física e xeografía e historia. Ese día buscáronse lugares concretos onde poder facer actividades co alumnado de 3º e 4º da ESO. Fixemos fotos e pensamos en posibles rutas. Agora toca concretalas, subilas a páxina correspondente e poñerse en marcha.

FORMACIÓN PARA PROFESORADO NO ESPECTRO AUTISTA

Esta semana comezamos no IES de Vilalonga a primeira das tres xornadas de formación para profesorado sobre autismo (TEA), como medio para ampliar os nosos coñecementos na diversidade e poder contribuír á formación e á inclusión do noso alumnado nunha sociedade diversa, cun primeiro chanzo a través da integración nas aulas.

A responsable desta formación é Marlene Horna, cunha ampla experiencia no acompañamento e apoio das persoas no espectro autista e as súas familias nas súas contornas naturais e como formadora en cursos promovidos por diversas asociacións, institucións e universidades. Licenciada en Psicoloxía Clínica e Social, Diploma de Estudios Avanzados e Mestrado en Atención Temperá pola Universidade de Santiago de Compostela. Ten ampla experiencia realizando diagnóstico, intervención, orientación e formación na Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago de Compostela e posteriormente como orientadora técnica no equipo de ASPANAES. Na actualidade traballa de forma particular e na asociación BATA.

Foi unha grata experiencia e unha xornada moi ben aproveitada por todos e todas.
No IES de Vilalonga seguimos traballando por un ensino público e de calidade!




Exposición DH

 

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos é un documento que marca un fito na historia dos dereitos humanos. Elaborada por representantes de todas as rexións do mundo con diferentes antecedentes xurídicos e culturais, a Declaración foi proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en París, o 10 de decembro de 1948 (Resolución 217 A (III)) como un ideal común para todos os pobos e nacións. A Declaración establece, por primeira vez, os dereitos humanos fundamentais que deben protexerse no mundo enteiro e foi traducida a máis de 500 idiomas. A  DUDH é amplamente recoñecida por inspirar e achandar o camiño para a adopción de máis de setenta tratados de dereitos humanos, que se aplican hoxe en día de maneira permanente a nivel mundial e rexional (todos conteñen referencias a ela nos seus preámbulos). 

O IES de Vilalonga ten, estos días, unha exposición sobre os DH, prestada por Amnistía Internacional, no corredor do Edificio 1. Os obxectivos é que o alumnado coñeza algún destes artigos, que os compreda e os asuma como propios e fundamentais.O seu contido foi traballado, sobre todo, co alumnado de 3º da ESO.





Árbore de Nadal xeométrica

   

 

 O alumnado de matemáticas da ESO fixo unha árbore de Nadal orixinal. Traballaron a xeometría e con distintas formas e materiais elaboraron este varios adornos de Nadal.

A xeometría é unha rama das matemáticas fundamental por iso se estuda en secundaria. O aprendizaxe da xeometría debe de ir do concreto ao abstracto, polo cal é necesario  que se desenvolvan actividades con materiais concretos.

 

 

O obxectivo é desenvolver no alumnado a percepción do espazo, a súa capacidade de abstracción e visivilización, a súa habilidade  para desenvolver conxecturas a cerca das relacións xeométricas entre unha ou varias figuras e poder argumentar o resultado.


                                                                                        


A xeometría contribúe a resolver problemas prácticos como a medición de lonxitudes, áreas e volumes, ou o trazo de  lindes na terra. Ademais, desempeña un papel instrumental para o desenvolvemento da arquitectura, a xeografía e a astronomía.

 

O alumnado do ciclo de automoción colaborou na actividade.

Practicando as mates


 En decembro visitarou a biblioteca o alumnado de 1º da ESO. Viñeron coa súa profesora de matemáticas Estela Prol para facer un traballo de modelización: Cantas persoas viven aí? O obxectivo é aplicar as matemáticas á realidade para que o alumno/a poida razoar e comprender os conceptos teóricos, así como fixar conceptos básicos que teñen que aprender e que son imprescindibles para etapas posteriores.

Marchamos á universidade!

  

 O día 10 de decembro contamos coa visita dun membro do programa A Ponte que impartiu unha conferencia ao alumnado de 2º de bacharelato e 2º ciclo superior de administrativo.

Desde o Programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a USC”, como o seu nome indica, queren facer de ponte entre o estudantado de Ensino Medio e a USC, para informar e orientar ao futuro estudante universitario, para que poida elixir os estudos que máis se adapten ás súas preferencias.

O Programa leva en funcionamento dunha forma estruturada desde o curso 2003-2004 e pretende dar a coñecer a oferta académica e o contexto investigador, social, cultural e espacial da Universidade en que se desenvolven eses estudos.

O fío condutor é a difusión do que é a Universidade de Santiago de Compostela: as súas titulacións, a investigación, os servizos académicos, pero tamén o que é a contorna en que se desenvolve a actividade universitaria: servizos de residencia, culturais, deportivos, asociativos, etc. En fin, o que é a vida nunha universidade inserida en pleno corazón de dúas cidades históricas (Lugo e Santiago de Compostela).

Organizaron esta actividade a Subdirectora do Centro: Lidia Fernández Pastoriza xunto co Departamento de orientación: Sara Gómez  Camiña.

CALIGRAMAS DE NADAL

 O alumnado de 4º da ESO fixo coa profesora de LGL  uns caligramas relacionados co tempo de Nadal. Aquí deixamos unha pequena mostra para desexarvos unhas boas festas e un mellor Aninovo!







SESIÓN DE CINE GALEGO

Esta tarde o alumnado 2º de bacharelato tivo a fortuna de contar cunha selección de curtametraxes en lingua galega gañadoras na sección Fetus do FKM (Festival de Cinema Fantástico da Coruña). A marabillosa colaboración do director do festival , Tonecho Otero, e dos directores/as que cederon os dereitos das súas obras para poder facer unha sesión de cine no noso IES é impagable. Grazas a todas esas persoas por darnos acceso a unha fonte de pracer e de coñecemento e reflexión como é o cinema, e moito máis por selo en galego. 

Esperamos poder repetilo ao longo deste curso e doutros vindeiros.

As obras proxectadas foron:

Monte Bravo (Noelia Muiño, 2020), Mare (Guille Vázquez, 2020), O que queda de nós (Miguel Gómez Abad, 2021), Canibalismo (Diego R. Aballe, 2021), Elas (Aaron Siebert, 2021), Galego á medianoite (Martín Caínzos Sanmartín, 2020) e Cineris (Carlos A. Quirós, 2021).



FELICITACIÓN PARA ESTAS DATAS DO EQUIPO DA BIBLIOTECA


 

Estudando os mapas

 O alumnado de 1º da ESO fixo, coa súa profesora de xeografía Patricia Díaz, uns mapas físicos con plastilina. A biblioteca expuxos nos corredores por que pensamos que son moi didácticos e un bo traballo. Parabéns.