O martes 18 de febreiro o alumnado
das materias optativas de filosofía (Antropoloxía e Filosofía do dereito)
asistiu acompañado polos seus profesores a unha vista na Audiencia de
Pontevedra. Tratábase dun xuízo por narcotráfico con cinco acusados de
pertencer a unha rede galega e colombiana que pretendía introducir cocaína agochada
no interior das baldas de madeira dun cargamento de plátanos. Sesenta quilos de
grande pureza. Os responsables do cargamento estaban sendo vixiados pola Garda Civil. O alixo non foi descuberto malia
os rexistros á súa chegada ó porto de Vigo en novembro de 2010. Pero o
cargamento ficou retido polas autoridades xa que ese tipo de plátano precisa
permisos especiais para entrar en España. Os traficantes non lograron sacar a
mercadoría do porto ata dous meses despois, pero para aquel entón os plátanos
non eran aptos para o consumo e agora eran as autoridades de sanidade as que
retiñan o cargamento e xestionaban a súa destrución. Inmediatamente os móbiles
pinchados comezaron unha febril actividade de contactos e xestións para
interceptar o cargamento antes de que fora destruído. A Garda Civil procedeu a
un rexistro exhaustivo e deu coa droga agochada. Inmediatamente realizaron as
detencións dos presuntos traficantes. Trátase de cinco homes, de nacionalidade
colombiana e española, que negaron a meirande parte das acusacións do fiscal.
O día da vista recibiunos Anxos, do
gabinete lingüístico da Audiencia de Pontevedra, que xestionou a nosa visita
con moita eficiencia desde o principio. Antes de comezar, ás 10.15 horas, o
xuíz Barreiro comentounos dun modo moi ameno o funcionamento dunha vista desas
características, e presentounos ós demais membros da sala: os outros dous
maxistrados, o secretario e o fiscal antidrogas Uriarte. Estaban na sala tamén
estudantes de dereito e á hora do inicio entraron xornalistas de numerosos
medios. Comezaba a sesión co interrogatorio dos acusados, dos cales catro viñan
esposados e escoltados por policías. Poucos declararon ante o fiscal antidrogas,
que leu numerosas transcricións de chamadas incriminatorias. Logo foi a quenda dos
testemuños, principalmente os axentes da Garda Civil que fixeron as escoitas,
rexistros, seguimentos e detencións dos acusados. Os avogados, un por cada
acusado, preguntaron ós axentes se o
cargamento estivera sempre baixo control das autoridades, se as escoitas se
facían con autorización, etc. Buscaban algunha fenda na que poder basear unha
rebaixa da pena solicitada polo fiscal, entre 18 e 22 anos de cadea. Tamén
houbo a intervención de peritos, ata o remate da vista arredor das 13:00 horas.
Finalmente o xuíz pediu a opinión e as preguntas dos alumnos do instituto, que
se convertían así por un momento nos protagonistas da vista.
Resultou unha experiencia de gran
interese, xa que puidemos ver todo o proceso e contamos ademais coas
explicacións do propio maxistrado, un luxo que os alumnos e profesores de
Vilalonga temos a sorte de desfrutar dende hai anos. Só falta coñecer a sentenza,
despois de que os maxistrados deliberen e revisen as probas e testemuños.
CRÓNICA DO PROFESOR FERNANDO LÓPEZ PRADA
CRÓNICA DO PROFESOR FERNANDO LÓPEZ PRADA
Ningún comentario:
Publicar un comentario